Hai algún tempo batín cunha páxina de internet dedicada á música pop-rock española dos anos sesenta. Como andaba noutros asuntos, anoteina para lle botar un ollo pausado en calquera momento. Fíxeno poucos días despois e, alén doutras sorpresas, descubrín que na nómina de cantantes figuraba un tal Johan Cruyff, coas cancións “Otro buen chut” e “Todos los fusibles se rompieron a la vez”. Seguinlle a pista e ó momento atopei dúas carátulas onde aparecía o rostro do excelso futbolista ataviado cuns cascos. Na versión holandesa as letras do nome do intérprete e os títulos das cancións usan as cores do Ajax. Na versión española as cores blaugranas e as da senyera. Ámbolos vinilos foron editados pola discográfica Polydor, en 1969 en Holanda e en 1974 en España. As cancións, tituladas “Oei Oei Oei (Dat Was Me Weer Een Loei)” e “Alle Stoppen Ineens Naar De Knoppen”. Non recordo telas escoitado nunca antes, proba de que nin o nome do mellor xogador do mundo na altura conseguiu popularizalas abondo, malia que, abofé, teño escoitado profesionais máis desafinados.