Costumes que se van perdendo

|

Non son, abofé, daqueles que defenden que calquera tempo pasado foi mellor, si son por estricta cuestión de idade dos que acumulan certa memoria histórica para contala e si procede comparar. Vaia pois por diante que estou encantado co tempo que arestora me toca vivir e que por nada o cambiaría polo pasado malia que non me podo queixar no que atinxe a miña infancia que transcorreu feliz máis que nada pola familia que me tocou en sorte. Pero algunhas cousas boto de menos no campo da chamada  urbanidade.  Xa que fixen mención á familia direi que desde moi pequeno na casa me insinaron a ter e amosar sempre respecto e consideración cos maiores, que cando vira a unha persoa ancián no autobús, na lancha o no tranvía, lle ofrecera o meu asento o mesmo que a unha muller embarazada, que debera pedir as cousas por favor e dar a grazas, en suma que andara na procura de ser educado. Porque a educación non só consiste en aprender unha serie de datos de memória, de ter o bacharelato ou unha carreira, que tamén, senón en manter un correcto comportamento cos demáis. Os tempos, como dicía o Dylan, “ is are a changuin”, a mellor sen dúbida,  pero estas pequenas cousas fóronse quedando aparcadas   e xa non se ven nun sector moi amplo da xente nova. Dificil ver a un rapaz deixar o seu asento  a unha persoa ancián ou a unha embarazada,  xa non está ao uso ceder o paso na entrada a calquera sitio. Isto non significa que se perdera o respecto pero si as formas que o aderezan. Os nenos e rapaces de hoxe teñen máis información, sen dúbida, pero en xeral menguaron  as boas maneiras na relación cos demáis. Cóntovos o que me pasou hai un tempo na porta dunha sala de exposicións para que vexades ata que punto cambiaron as cousas.  
O asunto foi que demos en entrar ao unísono unha muller e máis eu. Pedín desculpas polo estorbo e cedínlle o paso. De súpeto espetoume: “está vostede adoptando unha actitude francamente machista!”.  Quedei un tanto perplexo porque faría o mesmo se fose un home pero reaccionei cun sorriso que semellara o menos machista posíble e pasei diante daquela  muller que tiña máis ou menos a miña idade. Dentro sentíme coma un “gilipollas” doutra época.  En fin, que non temos que andar co libro de urbanidade baixo o brazo pero poderíamos coidar un pouco as formas e desa maneira acadaríamos unha convivencia máis bonita. Pero ben pensado, a quen lle importa unha convivencia así? A min, por iso cóntovolo.

Costumes que se van perdendo