Di o refrán que as apariencias enganan, mais só ás veces.
Tanto na vida como na política, como no reino animal, hai cousas que semellan ser o que non son, outras que pretenden ser o que non son e outras que simulan evoluir para enganar ao adversario ou á presa, mais nunca evoluíran, apenas na súa apariencia.
Tal día como hoxe, deixaba este mundo, nunha cama e con toda a tranquilidade da que careceu o pobo sobre o que exerceu unha férrea e asasina ditadura, unha águia preta como a longa noite de pedra na que sumiu por corenta anos a todo un país.
A águia tiña ben atado desde o seu niño quen había ser o pitiño que o sucedese, e corenta anos despois, a súa vontade segue a sobrevoar os seus confíns.
Os herdeiros, tanto nos altos vóos institucionais, como nos vóos de baixura política están presididos por unha ave.
A ave herdeira leva os signos da evolución marcados no aspecto físico e no nome, mais na esencia segue a ser a mesma rapaz de outrora.
Para acadar obxectivos hai que modernizarse, para sobrevivir hai que adaptarse, e para seguir enganando parece que hai que repetir unha e outra vez as mentiras até eles mesmos crer que son verdade.
Hoxe o herdeiro é un charrán que se cre gaivota, quizais porque un charrán voa alto e vive do mar e a gaivota voa baixo en busca de carroña. Nunca se sabe!!
Misterios dun charrán que quixo ser gaivota, voando entre sobres, convivindo con e sendo tamén amos dos fondos voitre, cortando as asas de quen quixo voar polos camiños da educación, da cultura e a sanidade, atándolle o pico a quen quere expresar con palabras ao vento o que a súa alma quere expresar, roubándolle pan, dignidade e liberdade de cantos xeitos lle é posible cal gaivota nas terrazas de verán a fuxir coas merendas dos cativos.
Ao mellor só queren ser gaivotas no seu afán por ser populares, ou na súa falta de coñecemento non quixeron ou non puideron ser charráns.