Populismo

Din que as veces os árbores non deixan ver o bosque e algunhas palabras, segundo se utilicen, non permiten albiscar o discurso. Este é o caso de “populismo” tan usada ultimamente no seu sentido máis pexorativo ata o extremo que para algúns é como se fose xa o quinto xinete da apocalipses. Ao populismo pásalle como ao colesterol: que hai un bo e outro malo, e na política e nalgúns medios de comunicación decidiron utilizar a acepción máis negativa da palabra para inculcar medo e incerteza na opinión da cidadanía. Segundo certa prensa ao servizo duns intereses moi concretos o populismo pernicioso só está incardinado nunha das formacións políticas que se presentan ás eleccións, e xa saben cal é. Si entendemos que populismo é a tendencia política que di defender os intereses do pobo ( populismo bo) concluiríamos en que todos os partidos son populistas porque ningún proclama non estar disposto a defender os intereses da xente. E coidado cando usamos a palabra populismo no seu sentido máis pexorativo: a tendencia que un ten de prometer e non dar, de mentir (populismo malo) porque todas as formacións políticas teñen bastante que rascar xa que moito do que prometen non o cumpren. Non é bo cuspir para arriba porque xa se sabe o que pasa. Por iso hai que ter moito coidado co uso das palabras. Pero é fácil chamar populistas aos demais porque é moi sinxelo ver a agulla no ollo dos outros e non ver a viga no propio. Claro que cando se está en período electoral semella que todo vale, incluso o descrédito baseado en falsidades pois é certo que unha mentira repetida ata a saciedade convértese nunha verdade incuestionable. Por iso temos que ser cautos e reflexivos, ter presente que algúns partidos seguen pensando que a cidadanía é imbécil e se lle pode enganar con facilidade contándolle unha serie de milongas con tal de acadar os obxectivos perseguidos. A política malia ser a ciencia que pode cambiar o rumbo das cousas , tamén resulta ser o arte da sedución, de convencer e ilusionar, e semella que non se repara nos métodos incluída a mentira para chegar ao encantamento. Non hai máis que ver e escoitar a algúns tertulianos empeñados en denigrar e enzoufar a certos partidos cun odio e un afán bordeando a obsesión. Vexan senón, por exemplo, ao xornalista Eduardo Inda cando utiliza a palabra populismo de xeito teimoso sen decatarse que cada vez que abre a boca o resultado é o inverso ao que persigue. Así como din algúns que o PP é unha fábrica de independentistas en Cataluña, o Inda o é de votos en dirección contraria á que pretende. Denantes de chamarlle a alguén populista habería que pensalo dúas veces, antes de mencionar a Venezuela tamén, e miren que Maduro e as súas practicas non me simpatizan en absoluto, pero para o fariseísmo o importante son os negocios e contan ben pouco as ideoloxías xa que non reparan en chegar a acordos comerciais coas ditaduras máis abxectas con tal de sacar partido a esa relación. Un exemplo: España en novembro pasado negociaba con Arabia Saudita, pais por certo que colga aos homosexuais das grúas por comportamento sexual inadecuado e finanza a Daesh, a venta de máis de 200 carros de combate e armamento por valor de 3 mil millóns de euros, un pais onde por certo non hai presos políticos porque está prohibida a oposición e a práctica doutra relixión que non sexa o Islam. Tamén vendemos, como non, armas a Venezuela. Todo isto forma parte da hipocrisía na que se moven as relacións internacionais, así que non nos veñan con contos baseados no populismo.

Populismo

Te puede interesar