O Curso cumpre cen anos

Neste 2016, que xusto acaba de pasar o ecuador para comezar o seu devalo, estanse a cumprir cen anos da aparición do Cours de Linguistique générale, de Ferdinand de Saussure, obra decisiva na historia da lingüística. Marca o arranque do estruturalismo, da lingüística contemporánea.
Como é requetesabido, o prestixioso lingüista suízo, ó pouco de chegar como catedrático de gramática comparada á Universidade de Xenebra, impartiu na mesma tres cursos de lingüística xeral: 1906-1907, 1908-1909 e 1910-1911. O profesor morreu prematuramente, en 1913, e o texto daquelas innovadoras leccións quedou sen publicar. Visto que moitos dos estudantes que seguiran os cursos se laiaban desa circunstancia, dous profesores, Charles Bally e Albert Schehaye, manifestáronlle á viúva o interese por editar os manuscritos dos cursos. A señora de Saussure deixounos facer a revisión dos borradores que conservaba e entre eles non encontraron practicamente nada que se correspondese cos apuntamentos dos estudantes. Xa que logo, decidiron utilizar eses materiais dalgúns alumnos e alumnas avantaxadas –entre eles a propia muller de Sechehaye–, que foron cotexados e axustados polo miúdo, para, a continuación, por medio dun arduo labor de asimilación e reconstrución, elaborar un libro adiviñando a intención do falecido autor, como Bally e Sechehaye explican no prefacio, datado e asinado, en Xenebra, en xullo de 1915. Ao ano seguinte, hai agora, pois, cen anos, vería a luz o Cours de Linguistique générale; publié par Charles Bailly et Albert Sechehaye; avec la collaboration de Albert Riedlinger, na coñecida editorial suíza Payot, cuxo coñecemento, difusión, estudo, comentarios críticos... acabaron, paso a paso, por revolucionar o mundo da lingüística. Nas páxinas do Course atopábanse definidos nun conxunto conceptos lingüísticos fundamentais como os de signo lingüístico, significante e significado, sincronía e diacronía, lingua e fala..., algo innovador. E non só afectou ao campo estritamente lingüístico. Pensemos o que supuxo a aplicación, algunhas décadas máis tarde, do modelo ao campo das ciencias humanas que abordou Claude Levi-Strauss. Por outro lado, compre dicir que as hipóteses do propio Ferdinand de Saussure non quedaron no esquecemento no transcurso dos anos. Tanto é así que nos noventa se publicarían separadamente cada un dos tres cursos coa utilización do caderno de apuntamentos dun alumno para cada un deles. A aparición destes textos levou á conclusión de que as ideas expostas por de Saussure nas súas aulas eran máis radicais que as que aparecían na publicación do Curso en 1916, onde estaban expostas cun certo ar de indefinición ou nebulosidade. Saberá a crítica distinguir entre o mestre e os seus intérpretes?, preguntáranse daquela Bally e Sechehaye.
Cando entre nós se fala do Curso que temos de centenario creo que é de toda xustiza recordar a figura de Amado Alonso, que foi quen o traduciu e publicou en español na Arxentina, en 1945. É sabido que este importante lingüista navarro, despois de doutorarse na Universidade de Madrid, en 1927, se instalara en Bos Aires para facerse cargo da dirección do Instituto de Filoloxía da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade, institución na que permanecería ata 1946, cando se viu forzado a deixar o país como consecuencia das súas discrepancias co populismo peronista no poder, rodeado do glamour actoral de Eva Perón ao tempo que botaba mans a Franco para mantelo no poder. O profesor marcharía para a prestixiosa Universidade de Harvard, onde acabaría os seus días. No seu prólogo considera que o Curso era o mellor, o máis profundo e o máis clarificador corpo de doutrinas lingüísticas que producira o positivismo. O que o catedrático suízo ofrecía, aínda partindo dunha posición positivista, ficaba a salvo da superación do positivismo. O Curso, nas súas palabras, “será siempre un libro clásico en la ciencia del lenguaje”. Felicitémonos.

O Curso cumpre cen anos

Te puede interesar