Retrato de esguello. Luis Seoane

Coa mostra “Luis Seoane. Retrato de esguello”, celébranse os 20 anos  da Fundación Luis Seoane, que recolle cadros, carteis, tapices, gravados, libros proxectos editoriais, cerámica e debuxos que testemuñan, unha vez máis, a súa multifacética personalidade artística. Unha das súas teimas foi atopar unha linguaxe na que se producise a fusión do espíritu autóctono de Galicia cos achádegos da vangarda que él coñeceu de ben cedo, dende os seus anos de estudante en Santiago. 
Indagando nas insculturas dos petroglifos, nos miniados medievais, no sentido decorativo e abstracto da artesanía popular: xugos, colchas das tecelanas, mobeis, etc. na arte románica e barroca, chega a atopar un estilo persoalísimo, no que prima a síntese das formas, o orde, a claridade compositiva e un equilibrio entre a inspiración na realidade e a aspiración a representalo conforme a un ideal plástico que fuxa do naturalismo. Pois a arte non é, non debe ser  xamáis imitación. No horizonte, claro, sempre está Galicia e os motivos populares, destacando entre todas as iconografías  da muller  labrega que devén arquetipo sustentador, Mater Gallaecia, –como él a denomina– unha variante da eterna magna mater: a terra nutricia. 
Destas figuras hieráticas, acougadas, solemnes, hai moitos exemplos na mostra que nos ocupa, como “Repousada seguridade”, “Mantón violeta”, “Figura campesiña”, “Grave figura sentada” ou “Gran dama impasible”; esta última é toda ela camposa aberta, forza expansiva enchendo o cadro de cor granate, no que fondo e forma se fusionan e na que algúns trazos marelos e azuis, ao tempo que fan vibrar o fondo, configuran signos do femenino.  
O estilo que hoxe recoñecemos como Luis Seoane está maduro a partir da década do 50, na que se expresa coa xa coñecida síntese de elementos plásticos:  alternancia de grandes planos de cor pura con planos máis pequenos, atravesados por trazos e liñas rectas de debuxo que fan recoñecible a figura; este grafismo é mui importante e él mesmo o suliña así, cando fala da súa arte mural (1974): “O Lissitzky, o grande constructivista ruso escribiu nun ensaio.... “A cor é unha pel sobre o esquelete”, pero, no meu caso, esforzareime en sinalar o esquelete  sobre esa pel”. 
Certamente, é o esquelete o que artella, o que constrúe, e  este esquelete,  nel,  sae para fora das formas, mercede a gramática das liñas; as formas son abertas, atemporais, e universais, non obstante, detrás está a fábula, o humor expresionista, o histórico, o lendario,  do que son testemuña na mostra, obras coma O meco, O caído, Turbio orador divagando ou Xefe perverso. A tarefa de Seoane está motivada por nunha continua indagación e renovación, pola búsqueda de novos materiais e dos mais diversos xeitos expresivos, do que esta mostra da fe unha vez máis. 

Retrato de esguello. Luis Seoane

Te puede interesar