Un bo día para pasear por Ferrol para aqueles que non van á praia

óstame a praia. Mais cando non está tan chea como estes días e, sobre todo, pensando en que percorrer unha boa distancia ata atopar un lugar tranquilo, sen demasiada xente e un pouco afastado de nenos –e non tan nenos– que ás veces entre gritos e pelotas fan pensar a un que máis valería quedar na casa. 
Non o fixen hoxe, aló menos non de todo, e aproveitei, aínda que o sol pegaba ben, a lixeiriña brisa para, pasiño a pasiño, dar unha volta pola cidade, parando como non no parque municipal, á sombra dunha magnolia, e tamén en Ultramar, para descansar os xeonllos, que xa non están para moitos trotes pasados os anos. Hai momentos en que non se vota de menos á xente. Sucede nestas tardes festivas, de bo tempo, nas que as persoas son escasas e o paseo só vese perturbado por algún que outro coche ou un autobús facendo a ruta. Penso que é loxico que, con tan bo tempo, non haxa case que ninguén, o que –non sei se lle pasará a vostedes– permíteme “enganar” un chisquiño á mente e levala a que pense que é a primeira vez que ve un lugar, a primera visita que fai a algún sitio en concreto. Sonche capaz de facer eso e, sobre todo, de alongalo no tempo. Entón, a cidade, ou o que cadre, por moito que o teña visto, por moito que xa o coñeza, dame a sensación de vela baixo a premura do descoñecemento.
Non é esta unha cidade fea. Todo o contrario. Coñezo xente de fóra que a aprecia máis que os de dentro, ós que lles doe a sensación de apatía da que soemos enchernos os que a vemos tódolos días ou os que nos damos conta do lento que se producen os cambios, as melloras –se é que as hai– e queixámonos da nosa pouca sorte á hora de avaliar a realidade. Non son pesimista, pero tampouco un nostálxico. A cidade necesita medrar. Non en extensión, senón en ambicións. Pensóo cando vexo unha praza ou unha rúa que me gusta e a comparo con outros lugares semellantes pero deixados de lado, nos que a sensación de que ningún responsable político ten pasado por alí é máis que abrumadora. Vexóo nas altas e malas herbas pero tamén nos ben coidados xardíns –cando o están–, e quero ser obxectivo, non caer nesa apatía nin nesa actitude tan ferrolá consistente en manternos á espera de que algo cambie e, sobre todo, de creer que por moito que se pida xa non paga a pena facelo porque, máis que acostumarnos nós, nos acostuman a que asumamos o silenzo como resposta. Mais esta cidade paga a pena. Tanto coma as súas xentes, aínda que o que se desprende da deixadez é que o que non respectan os políticos sexa precisamente ás persoas. Por iso hai que creer nela, hai que seguir á espera pese a todo.

Un bo día para pasear por Ferrol para aqueles que non van á praia

Te puede interesar