50 ANIVERSARIO

Se sempre é boa calquera xustificación para propiciar un encontro con antigos colegas do Instituto, nin que dicir ten que pasados cincuenta anos do remate do bacharelato é razón máis que suficiente para celebrar o evento sen restricións. Hai catro anos xa tiveramos unha xuntanza cuxa motivación importante era establecer contacto logo de moitos anos de ausencias e isto, como poderán entender tiña os seus riscos. Explícome: despois de corenta e seis anos sen vérmonos a maioría de nós, que veñen de ser case toda unha vida, un non sabe con que se vai atopar porque pasado ese tempo a xente cambia, e cambiamos de tal xeito que, as veces, os rostros tórnanse irrecoñecibles. Por outra banda, a vida levounos moi lonxe por diferentes camiños e xa que logo esa falta de contacto propiciou que as acordanzas se foran diluíndo deixando so no disco duro do noso maxín pequenos anacos que pouco a pouco se foron convertendo en mais cativos, case imperceptibles. De aí que un tivese medo de enfrontarse á desmemoria.  
Hai pouco un deses compañeiros escribiume para anunciarme que tiña pensado organizar outra xuntanza con motivo do cincuenta aniversario do remate do noso bacharelato no Instituto. O argumento dos cincuenta anos  que viñan de ser o que no matrimonio se dou en chamar “vodas de ouro” era motivo suficiente para levar adiante o proxecto e púxose mans á obra abordando a dura tarefa de establecer contactos e deseñar un programa atractivo, e a min entroume de novo unha sensación de incerteza, un  certo receo diante da reacción que cada un de nós  puideramos experimentar cando estivésemos cara a cara. Xa non éramos os nenos e nenas de outrora,  agora éramos xente maior, con fillos maiores que hai moito deixaron tamén o Instituto, que xa están casados e que a moitos de nós xa nos fixeron avós. Dicía miña nai que recordar é volver a vivir e nós, na medida que viñan as lembranzas en ouleadas, estabamos de novo vivindo. Das cousas positivas que tivo esta reunión, a de volver a vivir recordando foi unha das mais importantes.  Despois do encontro e das mentiras de rigor coas que despachamos o primeiro saúdo como: “ Hai que ver, estás coma sempre, non pasou un ano por ti...!” a memoria comezou a funcionar, a identificar rostros que a súa vez che traían novas lembranzas e foron saíndo nomes de compañeiros que xa non están, de outros que non viñeron e no “puzle” mental  foron encaixando as pezas. Pasaron cincuenta anos, compañeiros, toda unha vida e resultou un verdadeiro pracer gozar deste momento con todos vos. A algúns vos fun vendo de cando en vez, pero tiveron que pasar cincuenta anos para encontrarme de novo con outros compañeiros e compañeiras, e foi como se o tempo detivérase de súpeto logo de vervos e comezar a facer memoria. Outra vez a vida vainos levar por diferentes camiños, outra vez seremos obxecto da casualidade, circunstancia que vai determinar se nos volvemos a ver ou non, pero iso hai que asumilo como cousa natural, máis agora que xa fomos gañando anos ao tempo. O importante é que fixemos memoria, que volvemos a vivir lembrando  e  iso no nolo vai quitar ninguén pois xa forma parte do noso bagaxe, da nosa vida. Foi a do venres unha velada plenamente satisfactoria.  Oxalá, amigas e amigos vos vaia estupendo de aquí en adiante e que gocedes de moitas primaveras mais para  recordar e contar.

50 ANIVERSARIO

Te puede interesar