Forza ou razón, ese é o dilema

Que a capacidade de decidir o presente e o futuro de cada nacionalidade debe residir naqueles que forman parte dese colectivo, non debería supor dúbida. 
Responde a un criterio democrático básico. Hai partidos que obvian ou relativizan este dereito. 
Como os que pretenden converter as conquistas históricas, que cos séculos se transformaron en convivencias de facto, nunha realidade ligada ao progreso da humanidade. 
Mais na práctica, susténtanse en mecanismos punitivos e xurídicos ao servizo de bloques hexemónicos nacidos do uso da forza. 
Non hai tanto tempo que o Estado español se consolidou nas nacionalidades como sinónimo de suxeito colectivo común, e foi mediante métodos imperativos. 
Daquela que haxa tantas dúbidas en moita xente sobre o que significa país, nación e estado. Cando eu era cativo, o meu pai, na emigración arxentina, dicíame que eramos españois máis que os nosos paisanos eran os galegos. 
Para el, como para tantos outros emigrantes, a nación e a patria da que lle falaban na escola e no servizo militar eran uns conceptos puramente administrativos. E non estou a falar dun militante político nacionalista, senón dunha persoa da aldea que tiña, como a maioría da xente do país, unha visión moi clara do suxeito colectivo ao que pertencía. Daquela que na emigración, tamén en Madrid ou Bilbao, fundasen centros galegos, e que cando lles preguntaban de onde eran, dixesen que de Galiza. 
Fago esta reflexión porque, pensar que con medidas punitivas se vai afogar o desexo dunha parte  moi grande do pobo catalán a decidir o seu futuro soberanamente, non é só un erro político, senón que ignora os antecedentes históricos, situacións semellantes, e coloca a forza por riba da razón. 
As medidas baseadas no aparello xudicial e policial para resolver cuestións de convivencia colectiva son un búmerang. 
Ten tanto medo o Goberno do que decida a cidadanía de Catalunya? Tan débil e forzada é a unidade no Estado español que se debe impoñer mediante o voto doutras autonomías? De ser así, non se pode falar dunha unidade entre iguais, dunha sociedade na que todos/as participan en liberdade. U-la solidariedade, a xustiza e a democracia?  

Forza ou razón, ese é o dilema

Te puede interesar