Atentado?

|

Recibo no móbil unha mensaxe que sostén a teoría, difundida por un amplo equipo de médicos, que se fan chamar “Médicos para la verdad”. Falan, o falar non ten cancelas, de atentado e de conspiracións no relativo ao Coronavirus, negando asemade a utilidade das medidas impostas polos gobernos en todo o mundo. Non é doado comprender que haxa alguén interesado en tentar contra a civilización, pero si hai algo que non ten discusión é que sabemos moi pouco desta pandemia, a pesares dos adiantos modernos, do tempo que levamos sufríndoa e da cantidade, in crescendo, de mortes e contaxios que estamos a contabilizar tódolos días.

Non creo na teoría do atentado anque non a descarto ao cen por cen. Dun ou doutro xeito estou certo de que a todos se nos pasou pola cabeza nalgún momento. No que se refire á utilización de máscaras, e demais medios preventivos, non queda outra que aterse en todo momento ao establecido polas autoridades sanitarias que son, a pesar de todo, as que máis saben do tamén chamado Covid-19.
Estes pseudo-médicos para a verdade o que teñen que facer é aportar solucións e esquecer as críticas inútiles, anque só sexa por respecto a tantos compañeiros que deixaron e están a deixar a vida no cumprimento do seu deber.

O que si quero dicir en voz alta é que, de cara ao futuro, debemos tomar boa nota desta desgracia que nos aflixe, estudando a fondo todas as súas facetas e manifestacións sen desprezar ningunha teoría por moi disparatada que pareza. Por riba aprender ben a lección, co gallo de trocar o xeito de vida que tiñamos ata de agora. Aproveitando que a desgracia está espallada por todo o planeta, temos unha boa ocasión para mellorar a convivencia, evitando confrontacións, que non conducen a ningures, entre países con distintas ideoloxías políticas ou relixiosas.

Penso que estamos a correr o risco como consecuencia do Coronavirus, que xa de por si é bastante peor que unha guerra, de que se desencadee unha crise a nivel mundial coa que estaría en xogo, non quero exaxerar nin alarmar, mesmo a supervivencia da humanidade.
Esas relacións, ou máis ben confrontación económica, entre China e os Estados Unidos, é o que me leva a falar deste xeito. Non sei como respira o mandatario chinés, pero o norteamericano non é precisamente un exemplo de prudencia e bon facer. Se mal non recordo, hai dous meses lin no xornal que o Sr Trump, un cabalo nunha cacharrería, enviou dous portaavións as costas de China, xunto con ameazas verbais, nun alarde de prepotencia, si se demostraba a orixe, ata de agora suposta, da pandemia.

Con esta xente, ¡que Deus nos colla confesados!.

Atentado?