a operación de crear estados de opinión pública que permitan ou faciliten tomas de acordos e implantación de normas con forte oposición cívica, tanto polo número de afectados negativamente polo asunto en cuestión como pola propia esencia inxusta da imposición adoptada, os grupos de interese promotores da modificación perseguida utilizan dúas diferentes estratexias de comunicación, formalmente contraditoria, aínda que perfectamente conxuntadas entre ambas.
Velaí o fondo da iniciativa que se agocha detrás da convocatoria ministerial para, no inicio do próximo mes, reactivar o chamado Pacto de Toledo co reto de chegar a un rápido consenso sobre a reforma das pensións. Convite público de xuntanza feita polo titular ministerial do ramo que, mira ti por onde, coincide cunha coa publicación dun artigo no Boletín Económico do Banco de España, titulado “Unha estimación do rendemento financeiro do sistema de pensións”, extensamente tratado polos medios de prensa para sentar unha base cuestionable, no fondo e na forma, das equivalencias entre a achega media de recursos das persoas traballadoras ao fundo financeiro dos sistema público de pensións e a súa recuperación posterior en forma de prestación, obviando total e absolutamente a natureza dun sistema solidario que nace da obriga constitucional, no que conviven diferentes tipos de prestacións e subsidios non contributivos así como gastos de natureza impropia, desprezando incluso a existencia actual dalgún réxime especial, caso por exemplo das prestacións de clases pasivas do estado que recibe a máis grande parte do persoal funcionario, sostidos en boa parte por conta dos impostos xerais do orzamento público. Con certeza, non tardará algún cargo público do citado BE chamando á necesidade de efectuar recortes nas pensións en aras de facer posíbel o sostén dos sistema, meténdose máis unha vez a dar consello sobre cousas que van para alén das funcións de control do sistema financeiro e da política monetaria que ten asignadas como parte do Sistema Europeo de Bancos Centrais.
Ao mesmo tempo, fóra do foco de transcendencia pública, a comisión parlamentaria do Pacto de Toledo, sobre o futuro do sistema público de pensións, forzou o ritmo de traballo acelerando as súas xuntanzas no pasado mes para repasar a fondo o borrador que teñen sobre a mesa, adiado pola urxencia da pandemia sanitaria, buscando acadar o máximo respaldo político dos grupos. Sen anular o vixente índice de revalorización e o factor de sostibilidade inxusto, calquera virada será a estribor.