Xiro á dereita en Portugal?

Resulta chamativo o pouco que se trata a situación en Portugal nos medios de comunicación galegos, tamén por parte das organizacións e medios galeguistas. Hai que recoñecelo. Máxime tendo en consideración que temos ducias de séculos como pobo único, e unha ruptura posterior moi condicionada por Castela como potencia ascendente, mais que non puideron evitar unha lingua e cultura en común, especialmente en relación co norte do río Douro. 
Por se non abondase para comprender a importancia cualitativa do tema: Portugal é o noso terceiro socio comercial, despois do resto do Estado e Francia, co que mantemos resultados positivos, co que isto implica en materia de xeración de emprego neto. Ou sexa, se fósemos quen de conseguir reproducir estas relacións con outros países, comezando polo Estado español, non teriamos a alta taxa de desemprego actual, nen a emigración masiva da mocidade máis formada. Reverteriamos a caída demográfica, que algúns queren solucionar importando inmigrantes, como se os seres humanos fosen mercadoría, como se Galiza fose unha finca ou unha fábrica, non unha nación.
Polo tanto, deberíanos preocupar, e moito, a viraxe á dereita do Goberno portugués, especialmente cando é un modelo de gobernar que Pedro Sánchez quere copiar. Neste caso a pregunta é: quere reproducir a primeira ou a segunda etapa? Non é unha cuestión menor, porque cando o Partido Socialista de Antonio Costas necesitou do Partido Comunista e do Bloque de Esquerda para gobernar, accedeu a mellorar condicións laborais, pensións e servizos públicos. E tomou algunhas medidas positivas, mais iso non impediu que, posteriormente, os salarios perdesen o 1,5% entre o 1º trimestre de 2018 e o mesmo período de 2017, co que isto implica de sobre-explotación. Téñase en consideración que este país ten dos salarios máis baixos da Unión Europea. 
Que o Goberno subordine todo ao equilibrio orzamentario, evitando afectar ás grandes empresas e fortunas, e propoña un paquete de reformas no ámbito laboral, coa complicidade absoluta da dereita, é un cambio que ten moita transcedencia. 
A CGTP-IN, a maior central sindical de Portugal, coida que é unha declaración de guerra á clase traballadora. Porén considera que: “este não é um processo encerrado. 
A gravidade dos conteúdos da proposta de lei justifica e exige a continuação e intensificação da luta dos trabalhadores a uma proposta que ataca os seus direitos, estimula a exploração e acentua as desigualdades”. Consolidarase esta viraxe que tamén nos afecta? 

Xiro á dereita en Portugal?

Te puede interesar