Xustiza social

Pedro Sánchez, que saíu triunfante dos últimos procesos electorais, nun acto en Cataluña contrapuxo: xustiza social contra dereitos nacionais. Reafirmándose así no argumentario do PSOE, e facendo do dialogo co independentismo catalán unha escenificación táctica. 

Mais, esquece que seu partido non é o único triunfador destas eleccións, como reflicten os resultados do soberanismo catalán e vasco, e que o dialogo implica cesións por ambas partes. Mesmo o BNG consolidouse como terceira forza na Galiza, da que por certo, vai a necesitar en moitos concellos. 

Seica o ás na manga de Sánchez, tamén para Cataluña, sería casar a globalización e centralismo con salarios e pensións dignas, pleno emprego, prestacións públicas eficaces, igualdade, rematar coa violencia en todas as súas formas, etc. 

Porén, para avanzar neste camiño o primeiro paso implica: eliminar as reformas laborais e das pensións, así como a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do CP, e rematar cos falsos autónomos, uberización, etc. Mais con estas medidas non abonda. Neste contexto político-económico, ademais fai falla nacionalizar a banca, enerxía e telecomunicacións, apostar por unha economía sustentábel e autocentrada, e utilizar impostos e subvencións para redistribuír traballo e ingresos. 

É necesario tomar medidas que transformen o sistema, porque as relacións de poder entre clases condicionan o reparto da renda. En resumo a explotación e opresión é consubstancial co capitalismo, que ten como finalidade maximizar o lucro. 

Daquela que as grandes fortunas, empresas e potencias, sacralicen a competencia e a confrontación entre clases sociais e nacións, alentando a desigualdade e estratificación. Para tomar medidas a prol da igualdade, da solidariedade, cómpre, ademais de vontade política, unhas clases populares mobilizadas e protagonistas, e forzar cambios en todas as estruturas de poder. Esta é a aposta do PSOE?

Asemade, non se pode desligar a xustiza social dos dereitos dun pobo a decidir: sobre a economía, o tipo de sociedade, cultura e lingua e todo aquelo que outorga identidade. Todos eles son aspectos   que integran un conxunto. Polo tanto a proposta de Pedro Sánchez reducindo o concepto de democracia e xustiza social a todo o que é esencial ao sistema, implica a dependencia no económico e político (Madrid-Bruxelas), porén, tamén marca unha dinámica regresiva na cultura e lingua propias. É unha eiva que o estado das autonomías non evita. Polo que, son necesarios cambios no modelo territorial, cando menos para as nacionalidades históricas.

Xustiza social

Te puede interesar