ALCALDES DIRCOM

|

Había un alcalde que foi o primeiro da democracia posfranquista nun concello costeiro. Este home era un antigo comerciante de xénero téxtil a quen un partido español lle ofreceu ir para comandar o municipio. Naqueles anos, as corporacións locais funcionaban daquela maneira, sen orde nin concerto ni obxectivos nin orzamentos. Este home encontrouse nunha situación difícil, posto que os seus veciños comezaron a pedir farois, reparacións de fochancas e algunha que outra capa de pedras nun camiño que se convertía en inverno nunha pista de piragüismo.

A oposición que daquela andaba desbocada e en plena reivindicación de liberdade e claretes gratis reclamaba grandes obras. Non chegaron a pedir aeroportos porque non estaba de moda naquela época, pero por similares disparates movían as súas demandas, que adornaban con algún sumidoiro que outro.

Así transcorreron os catros anos de mandato. O alcalde, que era socialista el, non facía nada. Cando alguén lle pedía un camión de grava para unha vía respondía que se pasaron cuarenta anos camiñando por alí sen protestar, pois agora non había cartos para ese arranxo. Maís ou menos esas eran as súas respostas ás reclamacións veciñais. Tamén foi o impulsor de que as poucas obras e melloras que recibirían os seus empadroados estarían divididas por parroquias, de tal xeito que un ano lle tocaba a unha e o seguinte á outra. Unha medida que aínda perdura, pese a que hai máis demarcacións eclesiásticas que cuadrienios de mandato, así que sempre había unha que apenas recibía obras.

Este elemento deixou á alcaldía oito anos despois e no último pleno fixo balance da súa xestión. Pouco máis ou menos proclamou antes os edís e público asistente: “Compañeiros e veciños, deixo o bastón de mando e deixo un millón de pesetas a prazo fixo no banco”. Moitísimo diñeiro para a época, que desapareceu en obras e melloras pola seguinte corporación. Aínda se tardaron anos en recuperar os tempos de falsa austeridade.

Algún alcalde haberá como el, pero creo que foi o primeiro en aplicar a austeridade extrema á actividade municipal e mundial. O concello estivo sumido no abandono durante o seu mandato, non se asfaltou nin unha rúa nin a máis mínima mellora, pero iso si, deixo cartos no banco a prazo fixo como bo comerciante que era. Hoxe en día, se se lle aguantasen ás súas políticas sería un modelo de xestor ou un dircom, aínda que levase aos veciños á ruína. De feito provocou que o seu mandato convertese ao seu municipio nun dos que sufriu un despoboamento máis grande naquela época porque nin había os mínimos servizos de hixiene e benestar. Non se sabe se era de ideas estalinistas, aínda había guerra fría, ou simplemente como tendeiro que era, só quería ver beneficios até reverter o concello nunha empresa privada.

ALCALDES DIRCOM