Unha Arcadia feliz

Nesas cousas que ten o remate do verán, talvez porque o tratamos de espremer até o final para tentamos tirar o maior dos proveitos, temos por costume realizar pequenas excursións, por veces mesmo altamente gratificantes. Así pois, os últimos cartuchos da estación máis solleira, de días infinitos e certamente desordenados, desexamos consumilos antes que alcancen o seu ocaso. 
A rutina diaria, o acurtamento da luz diurna, o mao tempo e demais fan, por tanto, con que o remate do estío teña de ser por forza máis pracenteiro, acaso por existir unha sorte de resistencia a que non veña a finalizar nunca. Que tal foi o que aconteceu, cando días atrás decidimos achegarnos ao porto de Mugardos e á beiramar da Bestarruza, e ao que regresabamos para Ferrol, desviármonos co noso automóbil para apañarmos a variante que conduce cara a Reganosa. 
Na verdade, e aínda que o faciamos á toa, na nosa conciencia prevalecía o feito de tentarmos dar cos restos romanos que sabiamos existen pola zona. O que si, sen certeza ningunha de se faciamos o camiño correcto e tampouco a onde en concreto. 
Lecturas feitas entre liñas falábannos duns restos romanos dentro do complexo gaseístico de Reganosa, que despois soubemos se tratarían dos dun balneario rural ligado á actividade portuaria. A citada empresa, o Concello de Mugardos e a Xunta de Galiza promoveron a súa recuperación e traslado a outra zona para a súa musealización a partir de 2016. 
Este interesante xacemento de Caldoval seica porá de relevo unhas instalacións da época romana ligadas á cultura e á saúde. O noso precario coñecemento, e a pesar de contarmos de hai tempo cun exemplar de Ferrolterra galaico-romana (actas dun ciclo de conferencias titulado “O trastempo protohistórico e romano na bisbarra ferrolá”), axudounos á idea de facer esa pequena indagación, á que nunca encontrabamos o momento preciso. Sabiamos dun dos seus artigos: “Sobre a ‘villa’ romana de Noville (Mugardos): síntese científica divulgativa e valoración patrimonial”, de Fermín Pérez Losada. 
Porén, estes restos asociabámolos erroneamente aos existentes dentro de Reganosa. De feito, a distancia entre uns e outros é moi escasa, pois apenas os separan uns catro quilómetros. 
Cóntanos o devandito investigador que se trataría dos restos dunha ‘villa’ rústica, un asentamento rural, illado e familiar con funcións residenciais e produtivas. Pertencería á categoría das ‘vilae’ nórdicas, abertas á paisaxe exterior, unha ‘villa a mare’ cun conxunto de edificacións en forma de U con vistas ao mar, desemellante pois ás mediterráneas, máis encerradas e unitarias cun peristilo interior. 
As últimas escavacións levadas a cabo (1988-1989) responden ás realizadas polo equipo do propio Pérez Losada. 
As espléndidas fotografías, planos e debuxos tirados nese momento sorpréndennos visto hoxe o seu estrago e abandono: un semicírculo murallado comido por matogueiras e silvas e algún que outro paramento máis. 
Pero o que quizá máis tivo de admirábel da incursión que aquí fixemos foron as informacións dadas e as implicacións das persoas ás que preguntamos polos citados restos, tres solícitos guías que non só nos facilitaron unha explicación precisa, senón que nos conduciron até o lugar mesmo. 
Máis nos explicaban, máis non saiamos do noso asombro. A última delas, unha muller dunha certa idade, brindounos toda unha lección de como eran estes, de como ela os recordaba de cando nena, de como un veciño con non demasiado tino tentara manter parte do cubo botando cemento ás xuntas e até ladrillos e azulexos, de como se levaran a cabo as últimas escavacións, de como fixeran un muro de contención de cemento para resgardalos, de como ela viña alí todas as tardes para tomar baños de mar xa desde marzo, etc., sucedéndose así unha disertación do máis hipnotizante. 
Xa o primeiro dos homes ao que preguntaramos polo xacemento de Noville tivera a deferencia de deixar o traballo que estaba a facer na súa propiedade para nos indicar o camiño que conducía á ribeira. O segundo, mostrounos fotos no seu teléfono móbil con imaxes tomadas dos restos en moito mellor estado. E a terceira das persoas, a muller, sería quen nos acompañase até o lugar mesmo.
 Todos tres, aliás, cunhas informacións do máis requintadas e precisas, con datos históricos certos e engadindo os complementarios sobre Caldoval que hoxe sabemos. E aquilo semellounos de repente unha secuencia do filme de José Luis Cuerda, “Amanece que no es poco”, e deunos por pensar en nos achar nun paraíso perdido, nunha sorte de Arcadia feliz á que quixeramos pertencer por todo o mundo alí parecer ser sabio competente, dunha enorme entrega e afabilidade. E mesmo deron por saír os mouros, seres xa menos racionais e que os máis vellos dicían (como a muller nos contou) poboarían as ruínas, porque o que en todo edén si non deben faltar –nunca nos esquezamos disto– son os seus mitos.
 

Unha Arcadia feliz

Te puede interesar