As tendencias hexemónicas

Rusia e China están dando pasos de xigante no ámbito militar, da produción e da innovación, vexase no caso de Pequín a tecnoloxía 5G, polo que os Estados Unidos intentan afogar estes avances. Fano mediante o bloqueo e sancións en Venezuela, Cuba e Iran, coa inxerencia militar externa en moitos países e mantendo ocupadas zonas de Siria. Tamén axen contra as empresas do sector tecnolóxico, enerxético, e bancario destas potencias emerxentes, e co ataque especulativo contra as moedas nacionais. Unha confrontación en todos eidos, que se completa co cerco con bases militares. Unha actitude que se fortalece, polo grao de complicidade e submisión da Unión Europea e Xapón, así como de potencias rexionais e países dependentes.  

Tampouco se pode ignorar que ademais dos factores xeo-estratéxicos, de reparto do mundo entre potencias, todo está condicionado polos límites ecolóxicos e dos recursos de materias primas, co que isto implica na produción, na demografía, na supervivencia do modelo económico e social actual. 

E isto afecta tanto ás potencias hexemónicas, como ás corporacións e grandes fortunas, agudizando a competencia, a confrontación, dando por superadas as regras de xogo imperantes dende a II Guerra Mundial. Pactos que foron produto do consenso para evitar a repetición de conflitos atroces, como consecuencia da cobiza, da soberbia, do machismo. 

Acordos históricos, uns avances da humanidade que amosan que esas conquistas non foron gratuítas, que respondían a unha correlación de forzas nas que a clase obreira e os movementos de liberación nacional tiñan un gran poder. Unha etapa na que a cuestión de clase e nacional estaban asociadas, dende as revolucións de mediados do século XIX en Europa. 

O enfrontamento actual entre potencias non se debe exclusivamente aos límites ecolóxicos e dos recursos e á loita polo seu control, senón que é consubstancial ao capitalismo, á competencia. Esta ligado á hexemonía económica, política e cultural da gran burguesía e á debilidade do movemento obreiro, da esquerda rupturista, liberadora. 

É unha característica do modelo económico e social, de como se reparte a riqueza entre clases e países, de poder, de confrontación entre o interese colectivo e o individual. Porén, a esta altura, tamén se trata dun atranco para a supervivencia da humanidade. Ou, no mellor dos escenarios, de desigualdade, de desfeita ecolóxica, de violencia, de ditaduras e represión. Este é o futuro do capitalismo analizando as tendencias dominantes. Mais, polo momento, aínda son reversíbeis.

As tendencias hexemónicas

Te puede interesar