WERT O ADOUTRINADO

Non tardou moito o ministro Wert en desvelar os textos que, segundo dixera no Congreso, demostrarían o adoutrinamento ideolóxico como argumento de peso para suprimir Educación para a Cidadanía. Vintecatro horas despois, na emisora da que veu sendo tertuliano ata o seu nomeamento á fronte do departamento de Educación. De viva voz, puxo o acento sobre dous párrafos nos que os seus autores teorizan sobre a maldade conxénita do capitalismo e a bondade salvífica do socialismo. Nada máis contundente ca iso para xustificar a decisión tomada. Sempre que eses textos fosen extraídos dos manuais que se utilizan nos centros educativos para a impartición desa materia. Pero resultou que non. Porque pertencen a un libro de ensaio publicado por Akal, sen vinculación algunha co estamento educativo.

Mentiu o ministro en sede parlamentaria cando sinalou como principal proba de cargo a pertenza deses textos, que horas despois desgranou de viva voz a través dos micrófonos da SER, a manuais de Educación para a Cidadanía? Un inclínase por esa hipótese. Sendo como é un sociólogo acostumbrado a medir os níveis de conflitividade en colectivos de moi heteroxénea configuración, é difícil de asumir que non desconfiase de tal argumentación. De terse difundido esas teorías ideoloxizantes na impartición da materia, o ruído que producirían os sectores que con maior virulencia atacaron a sua implantación -a Igrexa e de seguido o PP- faría imposible o que hoxe evidenciamos: a absoluta normalidade coa que os centros e as comunidades educativas a asumiron e desenvolveron entre o estudiantado español.

A que vén tanto interés en botar abaixo esa materia desfibrándoa noutra que vai ter que reflectar nos seus contidos os obxetivos marcados no seu día polo Consello de Europa? Quérese dicir: desenvolver unha cultura política, unha participación activa, responsable e crítica na vida pública, e valores para convertirse en cidadáns responsables. E o que con eses grandes marcos de referencia ten a ver, como tamén sucede noutros países europeos, coa formación dunha conciencia moral cívica, coa educación afectiva, coa tolerancia e o respeto ás diferencias. Sendo certo que é un compromiso electoral, a metedura de pata do ministro Wert nun desmedido afán por lexitimar unha decisión co argumento do inexistente adoutrinamento dá pé para non quedármonos na cáscara -cumprir o prometido- e pofundar no que motivou que o PP acabase ubicándoa no programa do 20-N.

A experiencia en democracia aporta numerosas evidencias do uso político que se fai da educación. É un denominador común en Europa. Porén, España tamén é nisto diferente: a presenza da Igrexa nesa partida política, sempre alerta para non perder poder. Hai que recordar aos bispos manifestándose hai 29 anos contra unha lei de educación. A súa intromisión volveu quedar patente na estratexia que pilotou no seu momento contra Educación para a Cidadanía, alegando motivos morais. Véndose forzado o PP a secundala. Mesmo co máis ca discutido recurso á obxeción de conciencia, que acabou tumbando o Tribunal Supremo. Escámalles aos bispos a referencia á moral pública, a canto presupón desenvolver a afectividade en tódolos ámbitos da personalidade e nas súas relacións cos demais, os dereitos humanos como referencia universal para a conducta humana... Esta é a súa hora. Wert, ben adoutrinado, non fai máis ca darlle corda ao reloxio.

WERT O ADOUTRINADO

Te puede interesar