Hai tres días lin no diario electrónico El Nacional.cat, editado en catalán e en español, a noticia de que o rei emérito Juan Carlos I, no transcurso dunha conversa privada en Valencia, manifestara: “Todo lo que está pasando a Catalunya es culpa de estos del PP”. O curioso é que na conversa, entre outra xente, estaban o presidente Ximo Puig e García-Margallo, o anterior ministro de exteriores do goberno de Mariano Rajoy. Informa o xornal que tirou a noticia da edición en papel do diario El Mundo, que a publicaba nun lugar non moi visible na fin de semana. Tan camuflada debe estar que eu nin a vin, cando o domingo folleei ese rotativo nun bar mentres tomaba café. El Nacional.cat –entendo que El Mundo tampouco– non aporta maior información nin sobre o contexto en que o rei emérito pronunciou esa frase nin sobre se o exministro do PP ficou calado, asentiu ou mostrou conformidade. Que algo, penso eu, faría. En calquera caso, polo que lin, non podo compartir a suposición que fai o diario catalán -e non sei se tamén El Mundo- do desacordo do rei emérito co aliñamento de Felipe VI co goberno do PP na xestión do tema catalán. Paréceme, si, un desacordo coa política seguida polo PP.