Derrota cantada

|

Ofraco liderado de Pachi á cabeza do PSdeG non puido ter outro final máis cantado que a derrota do alcalde Vázquez e o triunfo de Besteiro, que traducido a termos modernos vén sendo algo así como que Istambul non puido con Toquio, onde Madrid aparecía de comparsa e de perda de tempo para elixir ao mellor, supostamente, claro, se é que existe alguén bo no mundo da moqueta e do coche oficial.
Isto de que haxa primarias nos partidos é outro conto máis que intentan vender os políticos, como quixeron facer crer aos pobres cidadáns que a capital do Reino ía ser subsede dunha candidatura olímpica onde o principal acontecemento deportivo, o fútbol, andaba disperso por pola meseta adiante, a non ser que o tiro con arco goce de grandes adeptos na cidade do alvedro, algo que descoñezo e que haberá que investigar.
Con todo, Besteiro vai ter que pór ao día o partido e presentar unha cohesión que non ten o PSdeG, disperso como os taifas ou mal levado como o asunto olímpico, algo que só lle interesaba a catro construtoras e a dez afeccionados á doma equina.
Se os madrileños deciden volver ao mundo do deporte, o novo líder dos socialistas galaicos debería proporlle ás autoridades do Reino que levan a lagoa artificial das Pontes como sede de remo e deportes de padexar na auga, toda vez que os encoros da comunidade dependen da manivela da eléctrica para abrir e cerrar o nivel, aínda que a fervenza do Xallas non sería mala candidata para augas bravas.
Besteiro deulle unha alegría coa súa ganancia á parroquia socialista aínda que non preparase unha churrascada con actuación dos coros e danzas das xuventudes do PSdeG na sede santiaguesa do partido. José Blanco puido botar unha man e trasladar a festa á porta de Alcalá, xa que alí xa estaba montada verbena para celebrar con austeridade a vitoria. Tampouco quedaría mal que se fosen a unha verbena próxima e animasen aos romeiros no descanso ou antes da sesión de fogos artificiais.
Besteiro, como Madrid, intentará arrebatar a Xunta a Feijóo, que vén sendo Toquio, pero para iso o PSdeG non basta, ten que contar con outras forzas, que no caso galaico como no capitalino son varias sedes de momento, aínda que até as próximas elección autonómicas poidan aparecer máis, porque o conglomerado político de AGE e do Bloque é complicado de levar nun mesmo proxecto por moito que Esqueda Unida estea achegada ao socialismo, como herdeiros directos do marxismo que flutúa contraditoriamente polos do BNG.

Derrota cantada