O rei Louie do Libro da Selva

Rudyard Kipling deu ao prelo en 1894 O libro da Selva. En 1967 Walt Disney destrozou o libro coa película facendo dun libro de adultos un conto meloso para nenos occidentais e sobreprotexidos.
Tivemos que agardar a 2010 para poder ler en galego a primeira traducción de Rafael Salgueiro. Mais o Rei Louie, o rei dos macacos (un oranguntango na película, no libro non porque Kipling sabía que non era unha especie da India, cousa que ignoraban os ianquis) non aparece no libro. A historia do rei macaco de Disney muda de sentido e faise oposto por enteiro na película.
De calquera xeito, o protagonista do libro, Mowgli, o mito do neno salvaxe, só aparece nos oito primeiros contos, que son os máis coherentes e vencellados. Un neno criado por unha manda de lobos non é nada raro para quen coñece a selva. Roma foi fundada sobre a lenda doutro mito, o dos xemeos, Rómulo e Remo, criados tamén por unha loba.
O revolucionario de Kipling é darlle a volta ao conto e ollar o mundo dende os ollos do outro, dun salvaxe, un animal integrado nun mundo que integra o animal e o humano. Os animais son aquí máis humanos, en senso moral, cós propios homes.
No Libro da Selva temos que ver unha fábula de crítica social tan importante como a das Viaxes de Gulliver ou O principiño. Walt Disney baleira de contido a selva e fai do libro unha animación sensibleira, cursi e infantil. Pais coñezo que prefiren que os seus fillos vexan unha película de adultos antes que esta aberración animada. E non lles falla razón a xulgar polos miolos Disney que circulan a eito polas rúas!
Hai moitos animais interesantes políticamente no libro. A min engaiólanme os Bandar-Log, ese povo sen lei, seres que esquecen rapidamente as cousa que autoditan, e que non respectan absolutamente nada.
Todos sabemos quen hoxe, na vida real, son estes esquecedizos, que tanto temen a memoria histórica. Quen non coñece un Shere Khan, o tigre? Ou unha Kaa, a serpe, o único animal que non pode encantar ao humano?
Coñecida a abdicación do Rei en España, tralas andanzas e desventuras dun cuñado, unha filla, a corrupción e a opacidade, as viaxatas, a miseria nas rúas, o desmantelamento da rex publica, o descontento popular, o clamor republicano de moreas de persoas que demandan un referendum..., a blindaxe do Parlamento, quen non pensa naquel Consello da Rocha da selva, exemplo de transparencia democrática e tan parello a ágora grega?
Quen non volve a súa ollada cara Hathi, o elefante sabio ou cara Baloo, o oso, sabio mestre que orientaba a Mowgli, o sen pelo, a ra da selva? Baloo, ao que Disney lle tirou a mestría e a sabencia e mudouno nun miñaxoia de pánfilo bonachón, incapaz de albiscar unha trapela diante dos propios fuciños?
Por outra banda, na Idade Media celebrábase a chamada Festa dos Tolos. Durante uns días nomeábase rei a un tolo que dictaba as ordes e decretos máis estrafalarios e que toda a povoación tiña que obedecer.
Facíanse as cousas do revés. Andar para atrás, comer sobor do dorso do prato... incluso facían orxías nas igrexas onde o rei tolo oficiaba a farsa dunha misa...
Estes rituais, tan comúns en toda Europa, eran unha ritualización do cambio, incluído do cambio social. Así, o povo, o lado escuro, o feble, o tolo, o parvo... dáballe a volta ao mundo durante un tempo ritual onde se crebaba o estabrecido.
Por suposto ao pouco todo volvía ao rego, máis esa catarse de liberación permitía manter as cousas no seu sitio e ceibar as enerxías de xenreira acumuladas nunha sociedade inxusta.
Hoxe nin xiquera se permiten eses rituais! O mundo é cada vez máis represivo, a burbulla cada volta aprémese máis e as vinchas, chegadas a certo punto, estoupan sempre. Porque cando o yang chega ao seu máximo muta en yin. É a lei universal da polaridade.
A abdicación do rei debería ser unha oportunidade única de artellar, por fin, un referéndum onde o povo poida decidir se quere unha monarquía ou unha república.
Xa que aquel pánfilo espírito da transición disney non nos permitiu escoller a continuidade republicana que había en España cando o xeneral Franco deu o golpe de Estado. Como no libro da selva, o pícaro debe voltar cos humanos!

O rei Louie do Libro da Selva

Te puede interesar