Os edificios públicos de Ferrol. Deica logo o desuso, mal uso e abuso

A cidade de Ferrol dispón de varios edificios e instalacións sen uso, mesmo abandonados, sexan propiedade do Goberno, da Xunta de Galicia ou do propio Concello. Ruando pola cidade pódense contemplar máis dunha ducia de edificios, sobre os que cabe preguntar sobre o desuso, mal uso e mesmo abuso que se está a facer deles.

Antigo Hospicio Municipal, María e Méndez Núñez. Edificio restaurado, sen uso coherente. A pesares do anuncio da presenza de varias asociacións, segue pechado sen movemento. Qué foi da importante documentación da fracasada xestión do Patrimonio da Humanidade? Por que os inútiles responsables no Concello do Patrimonio Histórico non informan deste tema? 

Antiga sede de Facenda, rúa Magdalena. Edificio que leva anos sen uso coñecido. Por qué non se usa para albergalo Arquivo Municipal, carente de espazo no Concello?. Antiga sede da Compañía Telefónica, rúa María. Desaproveitado edificio de catro plantas no centro da cidade. 

Edificio do Legado Carvajal, Magdalena e Méndez Núñez. Trala discutible rehabilitación, é inadmisible que se perdera a valiosa biblioteca do Ateneo Ferrolán. Censurable a mala xestión do Concello e dos responsable do propio Ateneo, non chegando a acordar o seu uso compartido con outras entidades. 

Residencia de Suboficiais, Porta de Canido. Amplo edificio racionalista, practicamente sen uso. Pola súa situación e características debería ser esa Residencia de Maiores que necesita a cidade. Chalé de Canido, rúa Alegre. Notable edificación modernista de Rodolfo Ucha, pendente de rehabilitación. Debeu selo Centro Cívico do barrio de Canido, na vez da horrible sede actual da rúa Pérez Parallé. 

Casa do Mar, Estrada Alta do Porto. Edificio moderno e ben dotado que perdeu a súa función, outro exemplo de infrautilización. Dispón das instalacións e medios para selo demandado Albergue de peregrinos do Camiño Inglés. Antiga Comandancia Naval, Paseo Marítimo. Edificio sen uso desde fai varios anos. A Autoridade Portuaria semella non ter interese na súa rehabilitación. Edificio da antiga Aduana, fachada do Paseo Marítimo. Boa construción nun lugar privilexiado. Propiedade da Administración Central, que non informa do seu posible destino.  

No barrio de Canido temos unha serie de construcións tradicionais en mal estado pola súa falta de atención: a Casa do Pobre na rúa Alegre, a Casa do Patín na rúa Atocha e o conxunto do Corral de Chapón. No barrio de Ferrol Vello, incluíndo a que foi fermosa Praza Vella, varios edificios atópanse nun estado desleixado. Está o penoso exemplo da ruinosa vivenda natal de Carballo Calero, rúa San Francisco, a peor inversión feita polo Concello ferrolán. 

Non se coñece o destino de edificio de Intendencia de Marina, esquina Terra e Magdalena, ou da Factoría de Subsistencias da Armada, estrada do Porto; ou do que se ten previsto facer co desaparecido cine Avenida ou cos restos do antigo Teatro Rena.

Noutra ocasión falaremos do nulo estado de avance do Convenio do Concello con Defensa e do que se pode facer no amplo espazo do Cuartel Sánchez de Aguilera, que debería artellar o Centro Histórico da cidade cos barrios do chamado Ensanche. O mesmo cumpre preguntarse sobre un axeitado uso das amplas e completas instalacións do FIMO, hoxe utilizadas para o cultivo de pementos e tomates. 

Post-scriptum. Eu vivo en Ferrol e non preciso usalo coche dentro da cidade, pero a xente que ven de fóra a traballar ou de compras necesita aparcalo seu vehículo. Desta rolda, miña noraboa ao Concello polo posible apoio a un axeitado aparcamento disuasorio na rúa Alegre de Canido. Ante o retraso da opción de Sánchez de Aguilera, xa era hora que o Concello aborde o importante problema do acceso dos traballadores e visitantes de nosa cidade.

Os edificios públicos de Ferrol. Deica logo o desuso, mal uso e abuso

Te puede interesar