Mentres no resto do Estado andan as forzas policiais a extremar as precaucións con individuos de aspecto árabe (coidado Julio Anguita), en terras galegas non temos ese problema porque por aquí nin sequera posuímos carácter. Pero coidado cos amantes dos años, cordeiros e ovellas asadas, que eses animais non son de tradición culinaria galaica, Así que se non queren aparecer nun ficheiro das forzas de seguridade, aconsello aos autóctonos que deixen de engulir gando ovino ou cabrún e fagan por comer porco en todas as súas variedades.
É tradicional que os galaicos cando saen ao exterior lles dea por comer “cordero asado” en terras esteparias, influídas pola civilización arábiga, e preparados fritos e refritos. Non digo que os galaicos non gustemos de ovinos á brasa, como tampouco renegamos do sushi ou os tallarines, pero por seguridade o mellor é absterse nunha tempada, porque tan sospeitoso é un ruso bebendo cervexa como un galaico vexetariano. Non vaia ser que Fernández Díaz nos faga pasar por unha comisaría a interrogarnos sobre a cesta da compra.
Iso de ter pinta de árabe é como buscar a alguén que ten aspecto de socialdemócrata, é moi difícil, a non ser que sigamos os arquetipos da pintura clásica e de como retrataban aos musulmáns. Por exemplo, o nariz de Feijóo, a mirada de Caballero, os ollos da coportavoz de AGE... son delatores da súa herdanza moruna, como os pinchos cos que hai que ter coidado. Ademáis, este políticos, por poñer exemplos coñecidos, son tamén sospeitosos por algún apelido: Núñez, Álvarez, Díaz... até eu sería un potencial investigado, aínda que no meu caso non son comedor de pericos.
Por curiosidade, revisei no meu pasaporte a ver visados de entrada e saída e teño un número elevado de selos de países con poboación de maioría musulmá, aínda que tamén dos que se din laicos. É que para o meu gusto, os desertos están neses estados. Tamén coñecín a moitas persoas deses países que eran ateos ou doutras crenzas, ademais de gustarlles o viño ou outros licores espirituosos, non así comer porco, como tampouco lles gusta o polbo aos anglosaxóns.
O mundo está tan globalizado que en Occidente os aspectos case están esluídos, aínda que saibamos que tal persoa é nórdica non por como é senón polas pintas que bebe a primeira hora da mañá, ao igual que calquera lle pode dar a un vaso de viño á comida. O que temos que ter coidado os galaicos e de non pedir carneiro asado nun restaurante se levamos turbante e moito menos quitarlle unha foto ao prato para subila ao noso perfil virtual, non vaia ser que nos vexamos nun problema, como cando dixeron que ían revisar os correos electrónicos buscando palabras como Alá... os que escribimos en galego ou portugués estamos máis que controlados, así que alá eles, hala.