CINCO EIXOS PARA UN DEBATE

Teño dito mais dunha e sete veces que a crise é unha realidade obxectiva coa que imos ter que convivir algún tempo. Nesta convivencia no sistema hexemónico do capitalismo, crises e conflito conforman a rolda dialéctica dos acontecementos.
O capitalismo que ven será mais reaccionario e autoritario. Non será posible a volta de políticas neokeynesianas para que o estado benfeitor terme do social; este modelo foi posible pola existencia dun proxecto socialista que foi emerxendo na crise, dos anos 30 do século pasado, e que alentou o imaxinario alternativo das loitas da clase obreira, principalmente na Europa. A resposta reformista do capital temos que asociala ao poder popular que emerxía. As reformas de hoxe só pretenden recortes do social.
O bipartidismo (sistema de reparto exclusivista para xestionar entre dous partidos o goberno do estado desde a ditadura ata hoxe), ademais dalgún logro foi quen de practicar e consentir excesos que hoxe saen a luz porque os sumidoiros do aparello do estado, xa non son quen do drenaxe de tanta “merda”. O “fenómeno” Podemos, é unha expresión da canalización do cabreo contra certo podrecer do institucional e da mentira permanente.
Mais tamén expresa a potencialidade dunha nova xeración que quere ser protagonista, cansa de esperar por un cambio real, de tanta promesa incumprida e que soubo aproveitar intelixentemente a cointura cunha estratexia formulada sobre a tese que fai anos berramos outros, aínda que parecera que pouca xente quería  escoitar e menos corrixir o que se denunciaba co “ PSOE –PP, a mesma merda é” . Saúdo  a súa aparición como organización política  e  conformo con que os avais electorales que reciban sirvan para un confronto de verdade co bipartidismo  e xa que logo sexa posible,  a limpa do “chiringo” que estes dous partidos teñen montado.
Como nacionalista galego na situación actual dunha non militancia escollida, non  vou a votar Podemos, nin acredito na súa dialéctica circular españolista  que xa nos primeiros pasos organizativos asemella a  unha espiral do silencio coas minorías e co pluralismo. Ademais son contrario a calquera  hexemonismo sectorial e da amizade nas direccións das organizacións e manteño unha desconfianza confesable que o seu  irresistible ascenso  non teña peaxes. Sigo defendendo, unha organización cos pes, o corazón e cabeza na nosa terra, nova si, democrática e integradora de sensibilidades tamén, pero  sempre galega.  É necesaria unha proposta  para  a reforma  da Lei electoral e un adianto de como meterlle man o enriquecemento indebido.
A teoría que consiste en fundamentar a saída da crise sobre a noción moral da xustiza,  unha loita contra o modo de distribución, en lugar de darlle os cimentos sobre unha loita contra o modo da produción, a concepción do antagonismo de clases como un antagonismo entre o pobre e o rico,   na economía capitalista xa ven de moi lonxe, das primeiras manifestacións teóricas da socialdemocracia. Nestas latitudes o discurso non é novo, pero a práctica amosou que quen reparte sempre é o beneficiado e logo  cando nos decatamos, fuximos das responsabilidades cara aos “salvadores”. Salvémonos nos mesmos !
A crises podemos vivila e padecela de moitos xeitos, pero considero que cando menos, obríganos a matinar e tratar de construír un  proxecto nacional e social  na nosa terra. Son tempos para un proxecto novo para a nación galega, que sin esquecer o vello, o actuante, tente de novo sumar esforzos e xentes do común  nun novo Riazor, sobre do organizado, de quen resiste ao poder establecido individual ou colectivamente , de quen participa de movementos sociais, de quen queira debater e impulsar un proceso constituínte, tanto na consolidación de formas antagonistas de poder como na articulación, impulso e apoio a políticas claras, concretas da disputa do poder.
Formulo cinco eixos sobre os que debater para logo construír, aínda sen esquecer a dimensión internacional,  mesmo a cuestión Europea, nun contexto de tanta esixencia para a nosa terra :
-Unha clara orientación a politización baseada na mobilización.
-Unha tendencia a radicalización do análise (Critica) e das accións.
-Unha   sintonía entre militancia, xente do común e reivindicación. A construción e o exercicio de poder non esquece a etapa da reivindicación.
-A conformación de identidade política ou socio-política con subxectivación antagonista.
-Construír organización política sobre bases comunitarias e de camaradería real. Novos métodos de traballo e de participación, nova dirixencia integradora de calquera sensibilidade, non sobra ninguén. Quen participa vota e decide.
 Non sei se é posible materializalo, aínda así, é unha obriga propoñelo antes de que as furnas falen  e logo a necesidade e oportunidade faigan mixtura. A unidade do nacionalismo popular con miras a superar a orde social existente, a fusión da loita diaria coa transformación do sistema, é a tarefa.

CINCO EIXOS PARA UN DEBATE

Te puede interesar