Hai uns meses deuse a coñecer en Praga o controvertido proxecto Wifi 4 life que pretende converter os sen teito en puntos wifi e zona de recarga de móbiles a cambio de comida, roupa, aloxamento e 5 euros diarios. Esa noticia e a recente campaña de Manos Unidas coa imaxe dunha nena e o lema “¿Me invitas a desayunar?” trouxeron á miña mente un tema sobre o que levo tempo reflexionando: que as escolas e as axencias de publicidade deberían realizar un estudo sobre os cartaces dos indixentes. Hainos magníficos e ofrecen moitísima información das persoas que os empregan como reclamo, tanto a través da letra como da mensaxe. Lembro especialmente dous: un bilingüe, castelán-galego, que denotaba que quen o mostraba ou ben era foráneo e cría que aquí o galego era preciso ou ben posuía unha forte conciencia de bilingüísmo harmónico e o dunha muller á porta dun supermercado que comezaba: “Soy una mujer triste...”. Reparen neles, especialmente en quen os porta.