Maltrato bárbaro de animais

|

Para o razoamento filosófico occidental a chamada lóxica dos Azande, colectivo de pobos que habitan unha boa parte da África central, e un xeróglifo incapaz de encaixar no modelo das fórmulas adoptadas aquí entre outras cousas por un sistema de valores no que as cousas poden ser dun xeito ou do contrario, dependendo do resultado que ofreza a consideración dun peculiar oráculo ao que botan man para todas os asuntos importantes da súa vida cotiá. A mecánica coa que se manifesta ese peculiar código augural esixe o sacrificio masivo de aves, especialmente galiñas, ás que se lle subministra un potente veleno. Se sobreviven á dose mortal, a mensaxe é favorábel ao pedimento. No caso mais habitual, a morte do ser voante, é contraria. Este sacrificio animal bestial é aceptado no mundo culto no que habitamos como parte dun xeito de ser primitivo.

Con todo, na sociedade avanzada da que presumimos ser parte evolucionada de vellos hábitos que no pasado gozaron como parte do seus espectáculo de masas da loita desigual de gladiadores e feras, na area dos coliseos romanos, e validaron a práctica das hordas bárbaras que non repararon no uso cruel e sádico da violencia para conquistar territorios e someter aos seus poboadores co asañamento da espada, dos coitelos e das machadas tratando ás persoas do mesmo xeito que, en certos casos, agora nós facemos cos animais: Cruel e inxustificábel maltrato.

É tempo de verán, momento álxido no que se torturará e matará a varios miles de animais por toda a xeografía estatal nas respectadas festas populares, época tamén de abandono dos considerados de compañía, lastre para a saída de vacacións, en cifras coñecidas que arrepían. A tolerancia da xente e a permisividade das autoridades non impiden que salten á prensa noticias sobre a brutalidade de casos acontecidos en localidades, espectáculos e fincas privadas, ámbitos nos que se somete a todo tipo de sufrimento aos animais. Maltrato que intentan vestir de tradición e vender a súa normalidade aínda que medra a consideración popular de que certos usos cos animais son moralmente incorrectos; esixindo unha reflexión ética sobre o seu hábito. 

Por iso, xunto coa necesaria presión da cidadanía sensíbel á necesidade de erradicar os comportamentos de maltrato animal é precisa unha revisión penal do delito cualificador do ilícito que sume á mudanza da percepción social para homologarnos á sociedade europea deste século.

Maltrato bárbaro de animais