Pronto haberá 20 anos, nas primeiras horas da mañá do sábado 24 de xuño, despois da obrigada noite de lumieiras do San Xoán, un Audi 90 saía da Coruña con destino Madrid. Os ocupantes do mesmo dirixiámonos a Madrid para presenciar in situ a final da Copa do Rei que esa noitiña se ía disputar no estadio Santiago Bernabeu.
A medida que foia avanzando o día e nos fomos achegando á capital o calor foi acentuando a súa presenza. Lembro que paramos a xantar en Arévalo, os sempre apetecibles e saborosos asados de leitón ou cordeiro, que das dúas cousas se pediran, e ó camiñar cara o auto soportamos o abafante ambiente xerado pola trona; non se movía unha folla. Recordo con nitidez que paramos un par de veces antes de entrar en Madrid a tomar un refrixerio. A dixestión e a temperatura así o esixiron.
Nas horas inmediatas ó partido, as inmediacións do Bernabeu eran un fervedoiro de xente con ganas de festa. Malia que o Deportivo perdera a liga anterior, 1993-94, ó non acertar no lanzamento dun penalty a favor no último minuto do último partido, precisamente contra o Valencia, as relacións entre seguidores de ámbolos clubes foron do máis cordial. A min mesmo, que vestía unha camiseta do Dépor, coa publicidade de Feiraco no peito, persoas ataviadas coa indumentaria do Valencia ofrecéronme entradas de balde, por se as necesitabamos. Como supoño que moita xente lembrará, o partido tivo que ser suspendido, cando faltaban uns dez minutos, como consecuencia da tromba de auga e sarabia que empezou a caer e que non daba parado. Mellor así, xa que cando empezou a chover viuse que o Valencia se desenvolvía mellor e xeraba máis oportunidades que o equipo coruñés. O balón era pouco controlable e podía pasar calquera cousa. Marchamos, pois, con empate a un gol. Dous días despois o Deportivo marcou un gol e gañou a primeira copa de España da súa historia.
As gradas do campo do Real Madrid estaban a rebentar. Enchíanas máis de oitenta mil persoas, maioritariamente valencianas e coruñesas, case o dobre levantinas. Veume á cabeza todo isto, que insisto que recordo moi nitidamente, por mor da que se montou cos asubíos que a semana pasada se escoitaron no Camp Nou na final Atletic-Barcelona. Para min, como para outra moita xente que así xa o ten manifestado, unha mostra, como outra calquera, de manifestar discrepancia.
Hai quen pensa o contrario e tamén ten razóns abondas para facelo. Inxurias, atentados... soan a intolerancia. Falta de educación? Penso que si. Eu desde logo nunca participei en operacións desas de emitir sons agudos pola boca, con ou sen axuda dos dedos, en actos públicos. Si os teño emitido para chamar a atención de alguén que está lonxe, para entoar cancións ou, mesmo nalgunha contada ocasión, para manifestar a miña desaprobación de actuacións en actividades deportivas.
Nunca nun acto como o da interpretación dun himno ou similar. E afirmo isto con rotundidade porque nesa tarde-noite madrileña de auga a cachón tivo lugar tamén unha sonora pitada, cando soou o himno español, á que, curiosamente, os medios de comunicación non deron a máis mínima importancia -sería porque se trataba de inofensivos valencianos e galegos?-, como fun corroborar antes de redactar estas liñas. Eu, reitero, non asubiei. Daquela a hoxe, e posiblemente tamén antes, houbo máis casos e nunca pasou nada. Se iso é violencia, eu son monxe budista. É evidente que hai cousas ben máis importantes que dedicarse a asubiar himnos, queimar bandeiras ou similares, así como a perder máis tempo e folgos dos debidos en censurar esas actitudes de, obviamente, non exquisita educación.