Moi recomendable

Hai un par de semanas viaxamos a Madrid cun obxectivo fundamental: non perdermos o concerto de Paul McCartney, que resultou fantástico. E aproveitando que o Ebro pasa por Zaragoza e o Pisuerga por Valladolid decidimos matar dous paxaros dun tiro e visitar o que sospeitabamos eran dúas excepcionais exposicións: a do Bosco, no Museo do Prado, e a de Wifredo Lan, no Reina Sofía. 
Sempre que vou ao Prado para ver unha exposición temporal aproveito para contemplar máis unha vez obra de pintores que me entusiasman: Goya, Velázquez, o Greco... ou, como non, o Bosco. En boa lóxica, non podiamos perder esta exposición do centenario que se acababa de inaugurar e que nos permite gozar da práctica totalidade da obra do artista flamenco. Para vela máis dunha vez, sen dúbida, porque vai ser difícil que todas esas marabillas se volvan reunir. Con Wifredo Lan pásame algo parecido. Sempre que viaxo á Habana fago a necesaria visita ao Museo Nacional -mágoa que, por necesarias reformas, estivese pechado uns anos- para ver novidades e/ou debilidades. Unha delas o chino Lan. 
É por iso que tiña claro que non podía deixar de ir á exposición do Reina Sofía, que reúne unha moi boa mostra de obras e outros interesantes materiais para min pouco coñecidos ou novidosos. Non podo menos que recomendarlles a visita a ambas. Se teñen a máis mínima oportunidade non deixen de facelo. Antes do 11 de setembro e o 15 de agosto, respectivamente.
Mais o moi recomendable que dá título a estas liñas non ten que ver con ningún destes pintores. Refírese a outra exposición temporal do Reina Sofía: Campo cerrado. Arte y poder en la posguerra española. 1939-1953, que, baixo o título da novela de Max Aub, reúne obras da arte española dos anos corenta. 
Non tiñamos idea da súa existencia –polo que for, non repararamos en ningunha das súas propagandas– e descubrímola indo ver o cubano Lan. Decidimos vela –botarlle unha ollada, máis ben– porque non contabamos con ela e non era moito o tempo de que dispuñamos. 
E foi unha moi acertada decisión. Tanto é así que procuraremos volver co necesario detemento, porque verdadeiramente paga a pena. Hai abundante material moi pouco ou nada coñecido, ademais de poder contemplar a un tempo obras moi diversas, non sempre ben relacionadas entre si. 
Entre outras cousas, porque este período está escasamente estudado como se pode ler nos folletos informativos. Xunto a obras de figuras moi representativas e relavantes como Picasso ou Dalí –por poñer dous exemplos enfrontados– podemos atopar, ademais galega, representada por obras realizadas tanto na España franquista como no exilio. Así, é posible contemplar, por exemplo, a coñecida “Escola de Doloriñas”, de Julia Minguillón, ao tempo que debuxos de negros de Castelao ou obras de Seoane ou Maruja Mallo.
Entre o millar aproximado de obras que podemos observar atopamos algunhas que nos enchen de tristeza imaxinando os traballiños que os autores tiveron que pasar para poder realizalas e/ou para que puidesen ser coñecidas, como mostra do horroroso terror imposto na España posterior a 1939. Todo moi aleccionador.
En puidendo, non deixen de vela. Estou certo de que me agradecerán o consello.
 

Moi recomendable

Te puede interesar