Pacatez?

|

Se a información circulante non nos engana, nestes momentos debe estar no cárcere o señor Matas, quen no seu día foi nada menos que ministro do goberno presidido por don José María Aznar e presidente da comunidade balear. Cando ocupaba este último posto –o que acabou por levalo á cadea– montárase un escándalo porque membros dunha comitiva por el presidida tiraran de tarxeta de crédito oficial para o pago de de servizos de carácter sexual. Matas quedou totalmente á marxe do asunto, mais non así o seu goberno. Agora volveu saír un asunto similar: cunha das tarxetas chamadas opacas de Caja Madrid-Bankia pagáronse servizos de masaxes, disque filipinos, algo que non sei de que se trata, porque na vida me deron ningún. O cartón crediticio era (parece que xa non segue sendo) do señor Spottorno, don Rafael, que ata o momento de facerse público o uso destas tarxetas ocupaba cargo de conselleiro privado de don Felipe VI. Curioso é que o escándalo veña polo gasto nesas masaxes, a priori nada malo, e non polo uso en si de algo totalmente irregular.

 

Pacatez?