MARILYN

Marilyn Monroe foi o mito “sexy” da miña nenez. Co que me queda un pouco lonxe. Non as súas películas, que miro e volvo mirar decote. Tampouco a súa morte tráxica, que me collera (como teño contado) nun campamento da OJE, da que aínda teño tirado proveito literario. “Marilyn” era o alcume que lle daban na casa dunha miña parenta a unha fámula fea a rabear. Nesa casa un mozo de almacén, con lentes, mais nas antípodas da elegancia, era “Balduino”.

E unha cativa que nacera feísima, “Soraya”. Mitos, en fin, dos primeiros sesenta. Como a pobre Marilyn Monroe. Quen nos seus derradeiros anos, morreu (“morrérona” se cadra) tan nova que dá unha especial mágoa, rodara unha película. “O príncipe e a corista”, con Sir Laurence Olivier que é agora causa e razón dun filme do trinque, “Mi semana con Marilyn”, que veño de ver desde a fascinación que me produce o personaxe. Tamén o cinema dentro do cinema, cousa chamativa para cinéfilos ou amantes da cociña deconstruída. Así esta película de Simon Curtis, non gran cousa, tan retallo de serie televisiva como dirixida por un señor especializada nelas. Ah, mais o conto é que quen fai de Marilyn é Michelle Williams, tan cuspidiña a ela que dá xenio. Cuspida na maneira, no toque “sexy”, na perplexidade, no desamparo. Por Michelle paga a pena ver esta película. Dentro de outra película. Caixa chinesa ou boneca rusa. Boneca rota Marilyn Monroe, si. E Arthur Miller ao fondo, sombra de sombra.

MARILYN

Te puede interesar