É evidente que a nova fisionomía da praza de Armas é un revulsivo para este espazo, así vemos como en pouco tempo, a pesar da crise sanitaria e económica, estase a encher todos os seus baixos. Á nova cafetería, en breve, sumarase un negocio de perfumería e as oficinas centrais dunha axencia bancaria. Lonxe queda a errónea proposta dun novo aparcadoiro, que segundo os técnicos íannos custar máis de cinco millóns de euros e unha nova concesión, hipotecando Ferrol.
Debemos alegrarnos dos acertos, e se hai problemas momentáneos por un mal rego dos tilos, ou porque tras un temporal mánchase un anaquiño da rúa da Terra, iso non descualifica o acerto do novo deseño de Armas.
Deixemos que os que non queren que Ferrol siga adiante teñan o seu penar nas redes sociais, pero é indubidable que para o conxunto da cidadanía, a nova praza de Armas é un acerto. Agora si é un espazo gañado para todas e todos.