¿Estudias o trabajas?

A pregunta que encabeza estas liñas –así, en español, que o galego nese tipo de relacións non existía (e hoxe case que tampouco)– era habitual que cha fixesen as rapazas coas que bailabas, en festas populares ou en guateques, naqueles xa afastados anos da miña mocidade, mediados os sesenta do século pasado. E a pregunta non era para nada baladí. Un rapaz que traballaba, aínda que seguise vivindo na casa familiar, o habitual, tiña unhas, maiores ou menores, dispoñibilidades económicas inmediatas das que carecía o persoal que estudaba, mesmo que fose de familia con recursos. Non hai que perder de vista que nesa altura o común era que o home convidase a todo e claro está que acompañarse de alguén con liquidez tiña as súas vantaxes.

Na Universidade, afortunadamente, a situación era diferente. Había de todo, naturalmente, mesmo rapazas que se ofendían se “ousabas” convidar ó que for. Mais tamén formaban parte da comunidade algunhas mozas que estaban matriculadas, máis que para cursar unha carreira, para buscar un bo partido que as eximise de traballar de por vida. Coñecín algún que outro caso de rapaces en procura do mesmo.

Por fortuna, ese tipo de comportamentos “sexistas” foron mudando, sen que poidamos dicir que vivamos nunha situación de igualdade. Para nada. Queda moito camiño por andar. As mulleres, contra tódolos ventos e tódalas mareas, foron ocupando espazos que, por dereito natural, lles corresponden. Pero os comportamentos de boa parte da sociedade non acompañan esa longa e, tantas veces, tráxica loita. A intervención na Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados dun parlamentario –non quero emporcar as xemas dos dedos escribindo o seu nome– de UPyD deixoume estupefacto, perplexo, atónito, anonadado... “Pa allá”, que diría calquera castizo español. A comandante do grupo –desde sempre, desde a súa aparición na “alta” política, nunca entendín como podía ter o máis mínimo predicamento– non ve motivos para lle pedir a este actor que renuncie ó cargo. Os límites das actuacións teñen un principio e un fin. O marco téñeno que definir os partidos. Se alguén ten a ousadía de botar a lingua a pacer nun ámbito onde sabe que vai ter infinita repercusión, ¿que poderiamos pensar do seu comportamento no particular, no íntimo? A lider, que –manda chover na Habana– é muller quere exculpalo de calquera erro metodolóxico. Todo ser humano pode ter intervencións inconvenientes, faltaría máis. Mais o fondo ideolóxico é imposible que falle.

A señora que defende ó seu compañeiro de escano acaba por se facer cómplice das declaracións deste. Simplificando: ¡que vivan las hostias!, por non dicir as mortes. Que a lei contra a violencia de xénero promovida polo Goberno de Rodríguez Zapatero fose totalmente insuficiente para lle facer fronte ó problema das liortas persoais das parellas, non pode motivar que se pretenda demostrar que se está prexudicando os homes. Hai de todo. Que –case cada semana do ano– morra en España unha muller violentamente a mans dalguén con quen tivera, tiña ou ía ter relacións que só lle tiñan que atinxir a ela é realmente preocupante. Non obstante, o noso Concello decide prohibir que se sigan debuxando siluetas cos nomes das fenecidas diante do Pazo Municipal. Polo que se ve lixa a imaxe ferrolá. Os furados das rúas onde eu vivo para nada. A declaración aprobada polo pleno municipal, concernente ó 8 de marzo, ó Día da Muller Traballadora, non deixa de ser unha xentileza. Cero de reivindicación. Cero de avanzar. Cero de querer mudar as cousas. O 8 de marzo, o próximo venres, non debería ficar só na cabeza duns cantos. Debería facerse presente nas rúas.

¿Estudias o trabajas?

Te puede interesar