Concertazo

|

Estoume decatando de que xa me faltan palabras para definir á Orquestra Sinfónica de Galicia. Tan só direi que para os galegos en xeral ten que ser un orgullo contar cunha formación desta categoria e para os ferrolans en partiular unha gran sorte que nos visite con certa frecuencia. Acudir a un concerto da OSG é ter de anteman un seguro de calidade apeteza máis ou suxira menos o repertorio, que xa sabemos iso de que para gustos...
Non pretendo analizar tecnicamente o concer, tan só desexo comentar con vostedes a sensación que sentín ao escoitar unha música que me pareceu marabillosa. Direivos que me sentín moi integrado coa música de Schubert porque emana un clasicismo romántico que penetra polos poros, cunha melodía sinxela que o ouvinte capta facilmente ata tal punto que se de súpeto a orquestra parara na metade dun fraseo, mentalmente chegaríamos a acertar coa súa resolución. Para iso non facía falta unha gran orquestración e a OSG constituíuse nunha formación de corda que representou á perfección ese fermoso e tristeiro dramatismo co que o compositor acostumaba a expresarse. Din os eruditos que Schubert andou case sempre ao amparo de Beethoven pero esta Sinfonía nº 5 está repleta de influenzas mozarianas. Fermosa tamén a primeira peza do concerto con Sibelius coma protagonista. E chegamos á segunda parte do evento con Chaikovsky e coa Sinfonía nº4 , unha das súas favoritas, chea de matices que lle dan unha textura formidable. Pero o paroxismo chega ao final no Allegro con fouco onde o compositor da renda solta ao seu xenio creativo si, pero tamén ao que se refire ao xeito de reaccionar diante do que lle sucede. Caracter, forza, contundencia expresiva que a OSG  elevou a súa máxima expresión. Era como se o ciclón “Ana” irrompera no auditorio e os trebóns anegaran a sala de corcheas e semicorcheas que se mesturaban coa forza do vento e por momentos sacudíanse con violencia inusitada. O rush finale resultou apoteósico impactando nun público sobrecollido por tanto potencial sonoro. Fantástico!
Logo do concerto un grupo de amigos fomos a tomar unhas cañas para relaxarnos de tantas emocións sonoras. Nesas estabamos cando apareceu por alí un dos violonchelistas da orquestra que se puxo a falar con Miguel García Corral, membro da Sociedade Filarmónica e amigo que formaba parte do noso grupo. Segundo referiu Miguel, o músico estaba encantado de vir a Ferrol e de tocar neste Auditorio, pola súa sonoridade e pola xente. A satisfacción é mútua, mestre.

Concertazo