Enxeñerías financeiras

No noso Diario deste pasado martes puidemos ler como un senador de Podemos que declararou uns ingresos de 7.841 euros e que xustificou uns gastos de 6.900 € conseguiu aforrar 4.873 euros. O xornalista titulaba a noticia “El milagro laico de los panes y los peces”. Como non creo nos milagres -nin laicos nin relixiosos- tentei atoparlle unha explicación lóxica ó asunto. E, abofé, que, por máis voltas e reviravoltas que lle dei, non conseguín dar con ela. Nin sequera ilóxica. Mais, se temos que dar creto á información, os números están aí e non cadran uns cos outros. Tal vez, multiplicándoos por dez, que por aí andará a cifra do que vai percibir este señor no futuro, consigamos entender algo. Cómpre, pois, paciencia e esperar. Sen esquecer, é obvio, a historia, porque xa sabemos que o transcurso do tempo distrae moitas cousas. Das dilacións quen realmente sabe é o PP, que non para de verse envolto en turbios asuntos financeiros, mentres se engancha ó poder como o percebeiro ás rochas. Vaille a vida. Iso si, todos a falar de transparencia a tope.

Enxeñerías financeiras

Te puede interesar