Os músicos, pezas clave

Cando escoitamos unha canción sexa en directo ou grabada, poucas veces reparamos no que hai detrás, e só fixamos o noso ouvido no que case sempre soe levar os aplausos, o cantante, coma aquel que di: o que pon a cara. Pero no éxito dunha canción, amén de intervir outros factores, inflúe moito o equipo que está detrás e dunha maneira especial os músicos. Sen eles pouco ou nada podería facer un cantante. É moi importante reinvindicar a figura do músico, do que traballa na sombra formando parte da estrutura musical da peza e por suposto do arranxador pois os arranxos son á canción o que os ingredentes a unha fórmula culinaria: na medida que esos aditamentos sexan os axeitados así será o resultado final da receita. Vouvos contar o que me pasou unha vez no Parque de Castrelos en Vigo:
A editorial Philips orgañizaba un macro festival con xente da empresa discográfica entre a que me atopaba e os músicos eran os que nos acompañaran nas grabacións nos estudos, entre eles o renombrado biaxista Eduardo Medina e o pianista Rafael Ferro que logo se foi con Julio Iglesias para acompañalo nas súas xiras polo mundo adiante. Máis de dez mil persoas no recinto e eu decidín cantar o “Kumbayá” acompañado da miña guitarra nada máis. Resulta que o micro da guitarra enmudeceu e eu atopeime perdido, só diante da multitude, pero de súpeto comecei a escoitar as miñas costas o baixo de Medina, xusto na miña tesitura marcando o ritmo, de seguido foise incorporando a bateria e para completar a improvisación o piano de Rafael Ferro.
Foi coma un milagre: soltei a miña guitarra e comezaron a brilar miles de luceciñas de chisqueiros acesos , e tremei coa emoción. Sabíao, pero naquel momento decateime do importantísimo traballo dos músicos e do fundamentais que son para que a cousa vaia adiante coa solvencia debida. Foi das máis belidas interpretacións miñas en directo que recordo.
O público debera saber que detrás deses tres minutos que dura unha canción hai moitas horas de traballo, moito alto, moito imos arriba de novo! Así unha e outra vez ata que o resultado sexa satisfactorio. Músicos e cantante formando un todo absoluto na procura dun producto axeitado.
Serva o meu comentario de hoxe coma unha modesta achega reivindicativa aos músicos, coma agradecemento e recoñecemento ao seu traballo moitas veces non valorado na súa xusta medida.

Os músicos, pezas clave

Te puede interesar