NON MÁIS CAFÉ PARA TODOS

Oproblema do encaixe de Catalunya na España, como tamén a chamada crise do Estado autonómico e máis a orixe da pulsión recen- tralizadora, ven, en grande medida, daquela transición. UCD e PSOE prantexaron o “café para todos” e, despois, a lei da falsa harmonización (Lohapa) a xeito de freo aos autogobernos catalán, vasco e galego, únicos deseñados na Constitución para implantar pola vía rápida e até o máximo de autogoberno posíbel. Outro freo, no caso catalán e galego, foi a imposición polo Tribunal Constitucional das provincias e Deputacións como contrapeso ao autogoberno autonómico.

Creáronse 11 ou 12 autonomías sen substrato histórico, económico ou político e dotóuselles, con trampa, de case o mesmo teito competencial galego. Aznar foi quen deu cabo a este absurdo, obrigándolles ás dez chamadas “autonomías do artigo 143” a coller as competencias educativa e sanitaria. Mentres xeralizábanse os Parlamentos e outras institucións políticas, de primeiras só concibidos para Galicia, Euskadi e Catalunya.

Descentralizouse substancialmente o gasto, mais, agás en Euskadi e Navarra, o ingreso ficou centralizado. Por razóns diferentes, nin Galicia (déficit de investimentos chamado débeda histórica e deficiente avaliación do avellentamento e dispersión poboacional a respecto dos gastos social e sanitario) nin Catalunya (transferencia da sanidade precaria e falla de consideración do incremento da poboación e da inmigración) recebiron un financiamento xusto, que o Estado estaba lonxe de garantirlle a ningún territorio, pois que retiña os cartos en fondos estatais que repartía discrecionalmente mentres mantiña as funcións sanitaria, social e educativa sempre mal financiadas.

E, logo dun proceso que demostrou a vixencia de todas as leis de Murphy, se lle dixo ao pobo catalán que o marco de relacións con España que tiña refrendado xa non valía. Se lle veu decir polo Constitucional o que tantas veces escoitamos en Madrid “oye, gallego, pero tú te has creído que eso de la autonomía va en serio”. Entón, ninguén pode ficar sorprendido que o que se podería resolver coas disposicións do Estatut do 2006 agora poida precisar de solucións que pasen pola cosoberanía de Catalunya.

NON MÁIS CAFÉ PARA TODOS

Te puede interesar