Aínda nos falta algo

As cidades, vilas, aldeas, lugares e rueiros do territorio cada lexislatura son máis modernas e estrean o que se chama moblaxe urbana, que non é outra cousa máis que encher os parques públicos de bancos e de zonas de ximnasia e pór mil e un colectores de lixo que a poboación non sabe empregar para exercer a reciclaxe. Hai poucos meses as estradas e corredoiras comezaron a adornarse de marquesinas, pérgolas ou cenadores de vidro para agardar o autobús, antigamente chamado castromil, que xa sufriron a acción vandálica de lanzadores de pedras e de anunciantes de festas e verbenas. Descoñezo o importe en euros de tales estruturas, pero debe de ser elevado tendo en conta que hai que volver a reparar os destrozos que sofren as anteditas construcións.

Aqueles cartaces de prohibido fixar carteis que fan responsables á empresa anunciadora non sei por que non se aplican nas paraxes dos ómnibus e se envían comandos da policía autonómica á busca e captura dos decoradores da propiedade pública. Localizar aos culpables non é nada difícil e así se realiza unha función disuasoria de futuros anunciantes e sempre queda bonito, en época de austeridade, publicitar que se detiveron a tantos vándalos e que se aforraron tantos miles de euros. O turismo agradecerá ver un territorio limpo e sen roturas.

Pero isto de civilizar e urbanizar a un pobo que transitou desde Derby Variant á embarcación de recreo leva o seu tempo e todo fai supoñer que non se está polo labor desde as altas institucións, cando aínda non se conseguiu que os galaicos visen no monte unha riqueza moderna e non un conglomerado de silvas. Os bosques da comunidade foron secularmente unha fonte de alimentación até que se converteron en solo con valor incalculable para edificios e todo cambiou dun día para outro, sen que houbese tempo a asimilalo por unha poboación que é lenta e conservadora á hora de asimilar as innovacións.

Os centos de rapaces que as fins de semana se dedican ao consumo desmesurado de alcohol en zonas públicas teñen o mal costume de deixar os restos da súa bacanal tirados polo chan.

Os concellos toleran a festa etílica e, como pais comprensivos, ao día seguinte os operarios da limpeza recollen os restos da verbena da garrafa, co gasto que supón para as minguadas arcas municipais. Uns simples carteis recomendando aos bebedores públicos que depositen os excedentes nos contentores axudaría a manter limpas os espazos de cogorzas xuvenís para que os deportistas de pola mañá non sufran cortes nos pés canda van correr.

Unha patrulla da policía local tampouco estaría de máis indicando aos futuros cidadáns que extremen a limpeza. Se non se civiliza á xente desde nena, cando sexa maior a conciencia cidadá non existirá, porque aínda nos falta algo.

Aínda nos falta algo

Te puede interesar