a semana pasada falaba da gratísima impresión que me causou o concerto de “Simón García Trío” dentro do ciclo denominado “Jazz na Ría” con Mugardos coma centro de acollida. Tiña moito interese en escoitar a este músico mugardés metido en fariñas jazzisticas na dúplice faceta de compositor e intérprete. A miña impresión xa a coñecedes e será fantástico que Simón sega a transitar por ese camiño. Pero esa noite non remataba aí porque faltaban as achegas doutro músico de Ferrolterra que tamén se atopa na élite deses elixidos malia a ser aínda moi novo ( 1993). Miguel Lamas é un dos bateristas mais senlleiros de Galicia e de España que comezou a estudar aos cinco anos baixo a tutela do meu amigo Manolo Pérez ( Manolo Drums): “xa non che podo ensinar máis, eu aquí quedo e ti segue para diante” díxolle un día cando Lamas tiña quince anos. A proposta que Miguel Lamas trouxo a Mugardos foi moi interesante: un electro-jazz baseado nos amplos efectos dos teclados e nuns monólogos instrumentais de longa duración que daban pé para amosar as enormes cualidades dos músicos cuxos instrumentos falaban con discursos que poderíamos incluír no apartado da improvisación pero que amosan moito tempo de estudo e ensaios, cousas ambas as dúas que non se improvisan. A formación de batería, teclados e trompeta perfectamente ensamblada ofreceu música de altos voos que, o mesmo ca de Simón García, engaiolou ao numeroso público que ateigaba o Canton de Cora. Miguel Lamas domina a batería, é coma se formase parte dese todo composto de caixas, timbal, platos e bombo e nada tivese segredo para el: a batería fala a veces melosa e outras enérxica porque cada rexistro ten o seu sentido e o mérito do baterista é precisamente atopar ese sentido, cousa que Miguel Lamas fai cunha solvencia exquisita. Os seus compañeiros estiveron a altura da circunstancia, cuns discursos que formaban parte do argumento, pero sen sairse do guión. Música de alta graduación, de moitos quilates con ese arrecendo a mar achegado polo vento mareiro que tamén quixo participar, deixándose notar discretamente. Foi unha noite máxica porque a noite e o jazz fan un maridaxe perfecto, a noite e o jazz teñen unha explícita complicidade, un binomio que non convén alterar, unha cuestión a ter en conta para outras edicións. Haberá que andar na procura de que esta mostra se asente e forme parte da oferta veraniega no mes de agosto nesta vila que aposta pola boa música. Abofé.