Hai dous ou tres días o diario ABC titulaba así unha entrevista: “Llamazares: Iglesias representa una soberbia generacional, una efebocracia sin sentido”. Tecleo isto e observo que o meu corrector ortográfico me subliña tamén efebocracia. Cambio ao corrector de español e o subliñado vermello continúa. Velaí a razón. Mesmo un dos termos da base, efebo, non aparece no dicionario da Academia Galega, termo que en español data do s. XVII. Neoloxismo, pois, de clarísima procedencia grecolatina, oposto a xerontocracia, aquel termo tan usado para descualificar os penúltimos líderes soviéticos. Efebocracia (éphebos+krátos) viría sendo o “poder dos adolescentes”. Aínda que nunca me movín na súa onda, Gaspar Llamazares sempre me pareceu persoa ponderada, e neste caso coincido plenamente coa súa apreciación. Téñome preguntado bastantes veces se Iglesias non será un deses homes atrevidos e carismáticos, con escaso sentido do Estado e altísimo sentido dos seus propios intereses, dos que falou Umberto Eco.