Estou lendo, case rematando, “Fariña” do xornalista coruñés Nacho Carretero e de ser certas todas as aseveracións que no libro figuran posiblemente esteamos diante dun documento que explica o devir socio político de Galicia nos últimos tempos coas redes clientelares que o contrabando e o narcotráfico estableceron co estatus político. Ao narcotráfico convíñalle estar perto do poder e a política achegouse a el perigosamente. Pero, en fin, dareille remate a esta lectura e xa sacarei, imaxino, máis reflexións das que se cadra outro día falamos. Ao comezo do libro Carretero explica como isto do contrabando en Galicia ven de moi atrás, de cando outrora na costa galega a xente prendía lumeiradas para despistar aos barcos e facelos encallar e despois saquealos co gallo de usufructuar e traficar coas mercadorías. Era como unha piratería desde terra. Isto dou pe a finais do século XIX a un famoso artigo escrito por Rosalia de Castro (aí quería chegar eu) referido a esta vella costume que levantou unha morea de airadas protestas na prensa daquel tempo co conseguinte anoxo da escritora reflictido nunha carta que lle escribe, en castelán por certo, ao seu esposo Murguia da que non me resisto a reproducir algún parágrafo ben significativo no que amosa o cabreo monumental que viviu a nosa poeta xenuína. Entre outras cousas di nesa carta datada en 1881 en Lestrove: Mi querido Manolo: “te he escrito ayer, pero vuelvo a hacerlo hoy deprisa para decirte únicamente que me extraña que insistas todavía en que escriba un nuevo tomo de versos en dialecto gallego” (o subliñado é meu). Chama a atención que Rosalía defina a nosa fala coma dialecto, nonsi? Pero segue: “…ni por tres, ni por seis, ni por nueve mil reales volveré a escribir nada en nuestro dialecto, ni acaso tampoco a ocuparme de nada que a nuestro país concierna”. Nótase que está cabreada, moi cabreada pola algarada que levantou a publicación do seu artigo. E continúa: “…y en tanto, ya que tan dañada intención han encontrado en lo que narré, para dar a conocer (y no para alabarla ni censurarla) una costumbre antiquísima, y de la cual aún quedaba algún resto en nuestro país…”. Refírese Rosalía á aludida piratería en terra que perdurou no tempo e que incidiu en certos comportamentos promovidos pola precaridade nunha época no que sobrevivir érache ben complicado. E daqueles ventos dos que xa falaba Rosalía en 1881, estas tempestades enfariñadas. Éche o que hai.