Nestes días postelectorais non fai máis que virme á cabeza o título dunha canción que o grupo reggae galego Taru e os Paxaros Coiro gravara hai seis ou sete anos: “A xente míntese”. Cada vez que leo ou escoito valoracións, de candidatos e/ou dirixentes, dos resultados do pasado domingo teño a sensación de que son plenamente conscientes de que o que están dicindo non é verdade. Estanse enganando a si mesmos. Aquilo de facer trampas facendo solitarios. Nomeadamente o máximo dirixente de Podemos. Ten saída para todo, ou iso pensa e pretende. Porque cando alguén está tan convencido dunha cousa como el o estaba –non sei se tamén todos os dirixentes de Podemos– e sae a contraria, non é nada doado dar explicacións coherentes e convincentes do que lle pasou. A min os resultados –dos que non gusto absolutamente nada– non me chamaron a atención. Por desgraza, non me produciron grandes sorpresas desde o principio do reconto, como algunhas persoas saben. Era algo previsible, que, loxicamente, lles escapa aos que só miran para si.