Levamos xa un tempo e bastantes asembleas para poder facer un resumo do que nos encontramos na vida cultural da cidade. O primeiro aspecto que podiamos resaltar é as ganas coas que o colectivo implicado nesta tarefa na cidade afronta este período. Como concelleiro delegado era consciente diso e ese é o motivo polo que me atrevín a enfrontarme a convocatorias moito máis incertas noutros sectores. A resposta, como esperaba, resultou contundente e a asistencia ben pode sinalarse como masiva. As demandas en xeral están marcadas por un principio, o recoñecemento a un traballo duro que rara vez vén recompensado por un salario mínimo ou un agradecemento institucional. Son os axentes máis activos na cidade e polo tanto merecen o rango de primeiros interlocutores dende o posto que ocupo. Non é cousa de gran mérito outorgar ese trato. A mínima intelixencia emocional é o que aconsella. Grazas a todos as persoas implicadas no proceso.