AO REDOR DA XESTIÓN NEOLIBERAL DA POBREZA

Este artigo parte da lectura do libriño de Albert Sales i Campos, El delito de ser pobre. Una gestión neoliberal de la marginalidad, ICARIA / ASACO, 2014. E mestúrase coa miña ollada e reflexión a raíz das reaccións que se sucederon sobre unha iniciativa impulsada por Alternativa Galega de Esquerda para que se adopten todas as medidas precisas para rematar coa malnutrición de nenos e nenas en idade escolar.
Houbo argumentacións que considero erradas. E, algunha delas, sectaristas, emanadas, vou deixar o termo supostamente, dos gabinetes de ideas dalgún partido político.
Estase apoderando de amplos sectores da sociedade, mesmo daqueles que deberan combatila, a idea de que a exclusión social e a pobreza son unha cuestión que responde a factores individuais. Descargando así de culpa e responsabilidade á sociedade maioritaria e ignorando as condicionantes estruturais. Isto é perigosísimo para a Democracia.
Como di Albert Sales existe un esforzo persistente por converter ás persoas que perciben subsidios públicos en parásitos. E no fondo, cando alguén di que ir ao comedor escolar do seu centro educativo a xantar no verán significa “estigmatizar”, o que fai precisamente é converter a esa persoa en diana, en problema. Cando non son o problema. Ser pobre non é un delito.
O problema vén dado polas condicións socioeconómicas que impón o neoliberalismo que rouba dereitos. E, ao mesmo tempo que rouba dereitos, os xestores do sistema queren que esas persoas, de forma invisibilizada (moitos aínda pensan que a pobreza aparece desde o 2008, cando neste país xa había coas “vacas gordas” un 15% de persoas empobrecidas totalmente ignoradas e invisibilizadas), se dirixan aos centros de caridade asistencial a acadar algo para sobrevivir. Os dereitos convertidos en caridade.
É triste escoitar que un centro educativo estigmatiza porque visibiliza unha realidade social negativa. Isto é atentar contra os piares do que significa educar en valores como  solidariedade, fraternidade, cooperación, necesarios para entender as diferenzas. Cando un neno ou nena comparte a súa merenda con quen non pode traela, pon en práctica os valores aprendidos, e actúa de forma solidaria ante unha realidade social negativa que a administración pública prefire silenciar, agochar e invisibilizar. Mais os nenos e nenas non deben ser os que solventen a inacción da administración pública.
Por iso, cómpre actuar. E nese actuar hai que facer visible unha realidade social negativa. Non caben contos de fadas. Non podemos eliminar a negatividade da vida. Hai que achegar os instrumentos para superala. Os nenos e nenas que viven en situación de vulnerabilidade requiren de políticas públicas que atendan ao seu dereito a unha correcta alimentación.  
Cando escoitei algunha reacción sobre o alcance do termo “estigma” e “visibilizar”, dinme  conta de que  Albert Sales ten razón: a visibilización dana a imaxe que os xestores do sistema proxectan sobre os seus logros. Saberíamos que o neoliberalismo e os gobernos-títere que os secundan son xestores da fábrica da desigualdade, do empobrecemento, da perda de dereitos, da ruína da democracia.
A iniciativa aprobada a instancias de AGE é clara: a Xunta de Galicia debe levar a cabo todas as medidas necesarias para impedir que ningún neno ou nena en situación de vulnerabilidade quede sen ver garantido o seu dereito a unha correcta alimentación, puidendo abrirse os comedores escolares e sendo precisa a cooperación de concellos e dos servizos públicos de benestar.
“Todas as medidas” implica accións que poden e debe ser complementarias, xunto coa da apertura dos comedores, para que o dereito á alimentación sexa garantido pola administración pública. Non por unha ONG. Non por caridade, senón porque é dereito básico. Desde logo, nós preferimos que se actúe, a que non se actúe.
Entre esas medidas está arbitrar, por exemplo, un programa que ofreza ao mesmo tempo actividades para a conciliación laboral e familiar, anterior e complementario ao da alimentación. Ou complementar o xantar no comedor escolar cunha cea que debe realizarse na casa. Ou cun bono que permita cubrir de forma axeitada o almorzo. Pero, desde logo, todo é complementario.
Só é cuestión de vontade política. En setembro seremos os primeiros en solicitar un informe sobre o grao de consecución do obxectivo principal da iniciativa.

AO REDOR DA XESTIÓN NEOLIBERAL DA POBREZA

Te puede interesar