Nacionalismo internacional

Non hai moitos anos a vida comezaba en outubro tras os meses de vacacións, agora xa se inicia o primeiro de setembro e polas bravas, sen tempo para adaptarse a madrugar nin para asimilar as novidades das programacións de radio e televisión e menos amencendo cunha suba do IVE, peor que a do colesterol. É sabido que cando os políticos deixan o traxe e a gravata e se visten de paisano hai que tremer de medo e se envolven en chaqueta e camisa para asistir a unha festa gastronómica o mellor e fuxir a fume de carozo.

Os comandantes galaicos estaban de ferias cando o líder supremo ordenou que había que ir exercer de votante o 21 de outubro. Non quedou outra que saír da praia a toda velocidade e lanzarse á precampaña e menos o PPdeG o resto apareceu na actualidade co traxe de baño mollado e cuberto de area e xabre, que tardará en sacudirse varias semanas.

A facultade do presidente da Xunta de convocar eleccións cando queira non lle concede ningunha vantaxe ao seu partido, porque aínda sendo en marzo era sabido que uns meses antes era posible que a Feijóo lle dese por aí. O Bloque xa solucionara o asunto do candidato a Monte Pío e só lle falta o gran problema de todos: configurar as listas electorais. O PSdeG salvou de cara á galería as súas divisións e Pachi pode ir tranquilo até outubro como líder aclamado e aplaudido.

Porén, os escindidos do BNG, facendo honor á súa disidencia das filas da formación nacionalista, non teñen claro nin o que queren, sobre todo cando se fan as beiras entre eles metendo na mesma amálgama a unha agrupación que xa non é que sexa estatalista, senón internacionalista, o que a efectos técnicos é unha contradición un tanto difícil de explicar polos irmandiños e os comprometidos aos seus posibles votantes. Todo pinta a que é un caldo galaico de complicada dixestión, con ingredientes que por separado saben ben, pero xuntos poden ser explosivos.

Á vista de como van as negociacións entre os outros nacionalistas, máis que un mediador entre eles necesitan un restaurador de recoñecido prestixio que sexa quen de maridar tanto compoñente dispar para presentalo aos comensais votantes cun aspecto inmellorable, aínda que de sabor confuso, só apreciable para padais exquisitos, se é que existen no corpo electoral galaico máis afeito a dixerir alimentos cocidos que revoltos servidos en prato de deseño.

As coaligacións nunca funcionaron ben por estes territorios porque sempre foron contra o PPdeG e o que podía ser un cara a cara de poder a poder en todas as lexislaturas converteuse nun rebumbio, cunha soa portería contra a que todos querían lanzar a gol e ninguén tiña a bóla, que era propiedade exclusiva do baliza.

 

Nacionalismo internacional

Te puede interesar