Como cada martes viaxaba con Iago, meu neto, cara o seu adestramento de fútbol xuvenil. Era xornada de liga de campións e diso iamos falando. Manifestoume que estaba indignado coas informacións que vira e escoitara nos espazos deportivos dos medios de comunicación. A presenza en Madrid dalgúns centos de seareiros do Lexia de Varsovia tiña a cidade case tomada por milleiros de policías, en previsión de posibles altercados e diso, e non do partido, era do que principalmente se falaba. O cativo, antiviolento declarado, preguntábase a que viña tanto barullo informativo. Para el, a visita dos polacos non era nada excepcional, porque está afeito a ver seareiros de equipos españois así de violentos. O malo non sempre vén de fóra, dicía. E tiña razón. O curioso é que viramos os mesmos telexornais e eu non reparara no asunto. A explicación que se me ocorreu darlle é que, a miúdo, convén magnificar problemiñas para desviar a atención da xente dos auténticos problemas, así como sementar inquietude, amedrentar. Porque xa sabemos que as sociedades con medos son máis doadas de manexar.