GALEGOS NO GOLFO DE MÉXICO

Son lector de Neira Vilas desde que me aproximei á literatura galega, aló polos finais dos anos sesenta, cando cheguei á Universidade. Intereseime por el, en boa medida, pola súa condición de galego residente na Cuba revolucionaria. Daquela a hoxe, con maior ou menor interese, fun lendo –e relendo– a práctica totalidade do que foi publicando, tanto de literatura netamente testemuñal, de crónica ou memorialística, como ficcional, sempre con forte base real. 
Téñolles escoitado a cantidade de persoas, amigas ou compañeiras de profesión, manifestar o forte impacto que lles producira a lectura das obras de protagonista infantil, nomeadamente as Memorias dun neno labrego. Sentíanse identificadas con Balbino, Moncho... A min, que practicamente nada –só ser fillo de mestra no rural– me uniu co mundo campesiño, pola contra, sempre me interesaron máis as historias da emigración, nomeadamente as desenvolvidas na Arxentina. Con todo, se me vise na obriga de ficar cunha única obra de Pepe Neira, elixiría Galegos no Golfo de México (1980). 
Na introdución desta obra, “A bordo”, Neira declara que coñeceu o mar cando xa era un mozo. Todo o contrario ca min, que vin a primeira luz a escasos corenta ou cincuenta metros das augas do porto de Ferrol. No lar dun vello home do mar, aínda en activo, con máis de trinta anos de experiencia de pescador no Golfo de México. 
Como boa parte dos personaxes que atopamos no libro de Neira, meu avó Santiago –nome tamén do protagonista d’O vello e o mar (1952), a novela de Hemingway, galardoada co Pulitzer de 1953– marchara do seu Mugardos natal para Cuba, cando era un neno, para traballar no mar. Era 1897, tiña trece anos e fixera a viaxe el só. Tempos. 
Iso si, en Casa Blanca, na Habana, tiña algún irmáns máis vellos, que axiña o enrolaron nun barco viveiro. Non tardou moito en ser patrón, o que lle permitiría poder vir a Mugardos, cada catro anos, para botar moza, casar, ter fillos... 
Puiden gozar tempo abondo da súa bonhomía, xa que morreu de noventa anos, non moito antes da aparición das minibiografías mariñeiras de Neira Vilas. Eu sabía cousas, mais a lectura dese libro explicoume outras. O do idioma, por exemplo. 
Meu avó, con trinta anos tropicais no lombo, practicamente só falaba galego, como os paisanos de Casa Blanca que retrata Neira. 
Era ateo “sen estridencias” e non se embebedaba; tiña alcume “de entrañable resonancia familiar”; defensor da revolución –cando xa levaba case trinta anos retornado–; solidario, cheo de “principios éticos”, loitador pola xustiza, honrado “no decir e no facer”, con “bos modales”... Virtudes todas que recolle Neira Vilas como cousas en común deses homes do mar, deses galegos de Ferrolterra en Casa Blanca, na Habana.
Santiago,  o vello mariñeiro de Hemingway, ensinoulle todo o que había que saber do mar ó cativo Manolín. Santiago Paz, co “rosto curtido polo sol do trópico”, como todos eses homes inmortalizados por Neira, ensinoulle ó neniño que eu era a remar e a pescar no mar do porto de Ferrol.
Unha outra vez, e van..., sinto a obriga de recomendar, fervorosamente. a lectura de Galegos no Golfo de México.
 

GALEGOS NO GOLFO DE MÉXICO

Te puede interesar