José Mário Branco

enso que fun un afortunado cando tiven a oportunidade de escoitar en vivo e en directo os intérpretes que se poden considerar os máis relevantes, ou dos máis, do chamado “Canto de Intervenção” portugués dos anos 60 e posteriores, que mesmo chega ata hoxe nalgúns casos. Pensemos en José Afonso, Luís Cília, Fausto Bordalo, Sérgio Godinho, José Jorge Letria, Vitorino. De feito dos cantores que máis teño seguido en música enlatada só non conseguín ver nunca ao vivo Adriano Correia de Oliveira, morto en 1982, e José Mário Branco, que nos deixou hai un par de semanas, o pasado 19 de novembro, que, en definitiva, é o que motivou a escrita destas liñas.
 Non obstante, hai 10 anos, a finais de 2009, tiven a posibilidade –que barallei– de ir velo cando se xuntou con Fausto Bordalo e Sérgio Godinho para realizar uns concertos en Lisboa –os dias 22 e 23 de outubro no Campo Pequeno– e no Porto –Coliseu, 31 de Outubro e 1 de Novembro–, mais finalmente non foi posible. Como é sabido o concerto a seis mans de Lisboa foi gravado e puidemos velo nos correspondentes CD e DVD Três Cantos: Ao Vivo, editado en decembro do propio 2009.
Non puiden, pois, velo en directo mais si o teño escoitado innumerables veces desde que o descubrín hai moitos anos, perto dos 50. Sempre foi home de esquerdas, con ou sen adscrición partidaria, que padeceu o exilio en Francia entre 1963 e 1974 e foi alí onde se fixo profesional da música. Da súa vasta produción subliñaría –é o meu gusto particular– títulos como “Ronda Do Soldadinho” (1969); “Queixa das Almas Jovens Censuradas” (1971); “Mudam-se Os Tempos, Mudam-se As Vontades” (1971), adaptación deses moi coñecidos versos de Camões; “A Cantiga é uma Arma” (1976); “Sangue Em Flor”, aparecido –xunto coa declamación de Sophia De Mello Breyner Andresen “Brasil 77”– no disco Contra A Repressão No Brasil (1977); “O Ladrão” (1979); F.M.I. (1982); “A Morte Nunca Existiu” (1982) ou “A Noite” (1985), sen esquecer o CD Resistir é vencer (2004), lema da loita no Timor-Leste contra a ocupación Indonesia.
Ao falarmos de José Mário Branco penso que non se debe deixar de lado a súa relación co fado. De feito, se non estou enganado, o seu último contributo á música portuguesa foi a produción do CD Sempre, de Katia Guerreiro, lanzado o 14 de setembro de 2018 e no que ademais pon a súa voz no tema “Quen diria?”. Anteriormente, nese ámbito no que o introducira a súa compañeira Manuela de Freitas, xa traballara con relevantes voces do fado como Camané, Carlos do Carmo ou Aldina Duarte.
Xa non poderei ver Zé Mário Branco, mais sempre me quedará a súa música. 

José Mário Branco

Te puede interesar