Fin de ano

Vaia por diante que nunca fun moito de celebrar a noite de fin de ano. Creo que non esaxero se digo que me chegan os dedos das mans para contar as veces que saín tomar algo. Certo é que teño ido dar algunha que outra volta, mais nunca tiven esa especie de febre colectiva de saír a beber e pasalo ben. Nunca acreditei niso de pasalo ben, por ser día en que toca pasalo ben. Mais, en fin, que cadaquén faga o que poida e o que mellor lle preste para pasalo ben. Eu tamén procurarei facelo e desexando poder ver no novo ano algúns cambios que considero imprescindibles, meténdome no xogo do lugar común dos desexos e/ou da absurda frase, slogan ou o que for de “Ano novo, vida nova”.
Se alguén me preguntase por un desexo especial, dado que non podería responder que me tocase a lotería do neno, porque non xogo, tería que dicirlle que sería o de ver Mariano Rajoy e o PP ben lonxe dos círculos do poder. Aínda a sabendas de sería un cambio puramente conxuntural que moito non ía resolver, se non hai cambios estruturais... Pero é que ver e escoitar a ese señor dicindo as cousas que di e quedándose tan tranquilo, como se nada fose con el, rodeado doutros e doutras señoras do mesmo estilo, amárgame bastantes momentos do ano. Como non vou querer que desapareza do mapa? Político, naturalmente, que a morte non lla desexo a ninguén.
Antonte fiquei pampo de todo escoitando a valoración que fixo do ano. Encantado de terse coñecido, tal cal, dando conta de que o crecemento do PIB en 2017 vai estar arredor dun 3,1%, o que supón que por terceiro ano consecutivo se superará o 3% e irán catro anos seguidos en que o PIB medra por riba do da zona euro, acompañado de paneis con titulares como: “Consolidación de nuestra recuperación económica” ou “Recuperamos la riqueza perdida”. Todo moi bonito. Pero habería que preguntarse: Quen medrou?
Cando escoito este tipo de cousas sempre me lembro do que me dixo un bo amigo cubano. Nos duros anos do período especial, derivado, como sabemos, da caída do mundo socialista, a poboación cubana pasouno mal. Tiven oportunidade de comprobalo, porque neses anos viaxei con frecuencia á Habana. Ao chegar, sempre preguntaba como ía todo e dunha volta respondeume que dicían que a macroeconomía ía ben, pero que el non o notara.
Non me entra na cabeza como Rajoy non lle cae a cara a cachos cando está dicindo que se medra máis que ninguén mentres aproba por quinto ano consecutivo a subida mínima das pensións recollida pola lei: 0,25%, cando o IPC din que subiu o 1,2%. Saben canto supón esa subida para as pensións máximas? Pois nada máis e nada menos que 6,4 euros ao mes. O da mínima xa nin o poño para non botarme a chorar; non dá nin para dous cafés. Unha vergoña. Como vergoñento é ter que ler a información do noso Diario de onte mesmo de que case a metade das familias galegas chega con dificultade a fin de mes. Apañados imos. Con todo, Feliz Ano.
 

Fin de ano

Te puede interesar