CATALUÑA, INCERTEZAS E REALIDADES

A finais do pasado ano os medios destacaron que a última enquisa do CEO (o instituto catalán de estatísticas) daba, por vez primeira en dous anos, que os partidarios do non á independencia superaban aqueles que eran favorábeis a esta opción. Este resultado seguramente encherá de satisfacción os conservadores e a socialdemocracia. Os primeiros considerarán que é mérito da oposición ao diálogo, e os segundos, consecuencia de ofrecer un cambio constitucional que recoñeza o feito diferencial.
Pola súa banda, os partidos cataláns puideron comprobar que unha parte do electorado ten unha postura política moi volátil, e que dependendo da conxuntura, de quen ten a iniciativa, nuns casos se suma e noutros se resta. E que dende o referendo saltasen as contradicións entre CIU e máis ERC sobre cal debe ser a folla de ruta, resulta evidente que arrefriou a meta da independencia, reflectindo as propias limitacións das forzas de primeira liña. Non é doado xestionar a unidade entre dous proxectos converxentes na cuestión nacional, mais con alternativas diferentes no social, mesmo que ERC non propoña unha ruptura coa Unión Europea e co capitalismo.
Sería un erro pensar que o debate sobre a soberanía está rematado, así como considerar que o voto a prol da independencia non pode volver ser maioritario.
Ficamos nun contexto político de moita confusión, no que, para sectores moi amplos da poboación, racharon os vellos e falsos paradigmas de que o capitalismo ofrecía progreso e liberdade para todos e todas por igual. Estes sectores foron os que viron na independencia de Cataluña unha vía para mudar o estado da situación, na procura dun mellor reparto da riqueza e do poder.
Non é casual que neste marco medre Podemos, xa que propón outra vía de cambios sen ningunha ruptura co sistema e sen cuestionar as clases dominantes, nen á UE. Mais, teña ou non maioría a opción independentista, o que non se pode obviar son as realidades: o rexeitamento ás políticas de asimilación, e a oposición a que todo se decida en Madrid, sen ter en consideración os intereses das  nacionalidades. E isto non se soluciona con leria, represión ou ignorando o problema.

CATALUÑA, INCERTEZAS E REALIDADES

Te puede interesar