Saúde e economía

Tal e como están as cousas esta é unha dicotomía de difícil solución. Nunha situación na que estamos, e de ter que decidir ¿por cal apostaríamos?. Nisto semella que non hai un acordo unánime e a tendencia vai por un poñer aquí e quitar  de aló sen acadar un equilibrio que compense os sacrificios que todos estamos a facer para intentar salvar a situación.

Gústenos máis ou menos vivimos nun modelo próximo ao federalismo ao que chamamos “á española” autonómico con dezasete estados, dezasete presidentes e dezasete parlamentos cada un coas súas correspondentes competencias, e ata aí todo perfecto porque creo no sistema federalista. Pero dito isto resulta verdadeiramente preocupante que o intento de superación da pandemia convértase nunha competencia entre as autonomías cada unha cos seus énfases nesa procura facendo xogos malabares ou poñendo panos quentes a un paciente precisado doutros tratamentos. Sen saúde non hai economía. Nun estado de alarma...¡unidade!

Lembramos o intento desesperado en salvar o verán baseado na necesidade de circulación do diñeiro así que, crendo a situación controlada,  ¡veña viaxes, mobilidade, praias e feliz verán.  Quizá esteamos pagando un prezo demasiado alto por esa relaxación con esta segunda vaga pandémica. E  volta ao estado de emerxencia, alarma ou como queirámoslle chamar,  con confinamentos por áreas xeográficas segundo categorías ou fases e peche total dos  establecementos de hostalería perante  un mes e nalgunha autonomía peche tamén de negocios non esenciais para os consumidores pero si para os propietarios dos mesmos.

Non é xusto sinalar co dedo á hostalería como elemento principal da expansión da pandemia, cando por exemplo o metro de Barcelona move 18 millóns de pasaxeiros ao mes e en horas punta cóbado con cóbado nos vagóns, ou o de Madrid con máis dun millón ao día, ou trens de proximidade  e autobuses. Dinos que non nos reunamos más de seis persoas e xa ven.

Intentamos salvar o verán e arestora xa están falando de salvar o Nadal e  veremos como cada autonomía resolve o cotarro. A ver quen poderá volver a casa  por estas datas e quen non. É unha difícil papeleta diante da que calquera goberno non se sentiría cómodo.

Non queda outra que recorrer á responsabilidade individual: en fin, a facer case as mesmas cousas que se facían cando a tremenda pandemia de 1918. Xa ven, niso non avanzamos moito. Abofé.

Saúde e economía

Te puede interesar