Paisaxes

Ao redor dunha hora é o tempo que nos leva percorrer os aproximadamente 100 quilómetros de autovía que separan Santander e Bilbao. A priori, con tan escasa distancia, calquera agardaría que todo fose practicamente igual, mais para min as semellanzas son menores que as que atopo cando atraveso o Miño para ir a Braga ou o Eo para achegarme a Xixón, un supoñer. E hai máis distancia. O primeiro que sempre me chama a atención ao entrar en Biscaia é que desaparece esa aborrecible especie arbórea denominada eucalipto. O que non acontece cando se cruza a Portugal ou a Asturias. Choverá menos en Euskal Herría? Hai uns días fixen por enésima vez esa viaxe pola cornixa cantábrica. Paseando por Santander vin bandeiras españolas penduradas nas xanelas dalgunhas vivendas. Sen dúbida polo día da Festa Nacional de España. Nos días seguintes, en Bilbao, só lembro ter visto unha bandeira española, no palacio Chávarri, sede da subdelegación do Goberno, cando me dirixía ao Guggenheim para ollar a excepcional exposición temporal “Os Héroes”, de Georg Baselitz. Si vin, en cambio, abundancia de esteladas catalanas. Ata no edificio da Academia Vasca. Tan cerca, tan lonxe.
 

Paisaxes

Te puede interesar